Ir o contido principal

O coloquio ‘A construción do imperio durante os Xulio-Claudios’ cita 25 investigadores de 18 universidades en Humanidades

O vicerreitor Javier Bueno inaugura este mércores, ás 9.30 horas, o foro organizado polos profesores da USC Dolores Dopico e Manuel Villanueva, e Juan Santos, da UPV

O coloquio internacional ‘A construción do imperio durante os Xulio-Claudios’, un simposio organizado como colofón do Proxecto de Investigación de Excelencia do MINECO As fundacións urbanas de Callaecia e a creación dun novo espazo administrativo, botará a andar este mércores, a partir das 9.30 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades da USC.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, presidirá a sesión inaugural deste foro internacional, no marco do que 25 investigadores pertencentes a 18 universidades de Francia, España, Inglaterra e Portugal afondarán no coñecemento dos cambios experimentados polas sociedades indíxenas durante o período do impero romano que abrangue desde o século I antes de Cristo ata a segunda metade do primero século despois de Cristo. Os directores deste congreso, os profesores do Departamento de Historia da USC, Dolores Dopico Caínzos e Manuel Villanueva, e Juan Santos Yanguas, catedrático de Historia Antiga da Universidade do País Vasco, ademais do deputado provincial Pablo Rivera e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, tamén participarán na apertura deste foro internacional.

A temática sobre a que versarán os distintos relatorios programados ao abeiro deste coloquio internacional está estruturada en cinco áreas diferenciadas, como o son o cambio de concepto de república a imperio, as transformacións das comunidades e dos seus territorios, a integración social, os elementos ideolóxicos e a creación dun novo espazo administrativo nas cidades da Gallaecia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2017.