O coloquio ‘A construción do imperio durante os Xulio-Claudios’ citará investigadores de 18 universidades en Humanidades

O coloquio internacional ‘A construción do imperio durante os Xulio-Claudios’, un simposio que se celebrará do 22 ao 24 de novembro na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC e que servirá de epílogo do proxecto de investigación de excelencia do Mineco ‘As fundacións urbanas en Gallaecia e a creación dun novo espazo administrativo’, permitirá afondar no coñecemento dos cambios experimentados polas sociedades indíxenas durante o período do imperio romano que abrangue desde o século I antes de Cristo ata a segunda metade do século I despois de Cristo.
Os directores deste foro internacional, os profesores do departamento de Historia da USC Dolores Dopico Caínzos e Manuel Villanueva Prieto, sinalaron que nesta reunión científica participarán como relatores 25 profesores e investigadores procedentes de 18 universidades de España, Francia, Inglaterra e Portugal. Dopico e Villanueva realizaron estas declaracións no marco do acto de presentación deste coloquio internacional, unha sesión celebrada no lugués Pazo de San Marcos e na que tamén interviñeron o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e a deputada provincial delegada da área de Cultura, Pilar García Porto.
A temática sobre a que versarán os distintos relatorios programados ao abeiro deste coloquio internacional está estruturada en cinco áreas diferenciadas, como o son o cambio de concepto de república a imperio, as transformacións das comunidades e dos seus territorios, a integración social, os elementos ideolóxicos e a creación dun novo espazo administrativo nas cidades da Gallaecia.
As persoas interesadas en formalizar a súa inscrición neste coloquio, estruturado en 30 horas lectivas e orientado a estudantes, investigadores e titulados no ámbito das ciencias sociais poden cumprimentar a súa matrícula ata o 18 de novembro. O formulario está accesible na web da Facultade de Humanidades da USC.