Ir o contido principal

Comeza a Autumn School, formación en tecnoloxías vangardistas aplicadas á economía do cambio climático

Esta formación afonda nas técnicas máis innovadoras e avanzadas que se poden empregar na actualidade para a investigación en ciencia económica
Esta formación afonda nas técnicas máis innovadoras e avanzadas que se poden empregar na actualidade para a investigación en ciencia económica
A directora científica de ECOBAS e catedrática da USC, María Loureiro, promove esta iniciativa no marco do proxecto CIBERECO que traballa para determinar como se relacionan as fendas de ciberseguridade con situacións de crise política, eventos ambientais extremos e outras vulnerabilidades
Santiago de Compostela

Enfocado na intersección entre a aprendizaxe automática, a inferencia causal e a súa aplicación na intelixencia artificial (IA) para abordar desafíos de sostibilidade, medio centenar de estudantes das tres universidades públicas galegas asisten ata o vindeiro venres 25 á Autumn School da USC que se desenvolve na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, coa colaboración de ECOBAS. Especialistas internacionais de primeiro nivel no eido da IA como Marcos López de Prado, Francisco Herrera e Luis Seco, debullarán ao longo de tres xornadas como as técnicas de aprendizaxe automática (ML) e inferencia causal poden contribuír a solucións innovadoras en áreas coma o cambio climático e o desenvolvemento sostible.

O director da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS), Pablo Taboada Antelo, deu a benvida ao estudantado, na súa maioría presoal investigador predoutoral das áreas de Economía e Empresa, que aprenderá ao longo das sesións como empregar estas tecnoloxías para entender mellor as relacións causais e oprimizar a toma de decisións baseadas en datos. Esta formación afonda nas técnicas máis innovadoras e avanzadas que se poden empregar na actualidade para a investigación en ciencia económica, e atende á liña principal do proxecto CIBERECO, centrada en estudar e atribuír as ciberameazas no escenario macroeconómico.

O proxecto

CIBERECO conta cunha dotación de 400.000 euros do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), que está a poñer o seu foco en ameazas externas non previamente estudadas a nivel macroeconómico. Así, o estudo que o equipo investigador está levando a cabo traballa para determinar como se relacionan as fendas de ciberseguridade con situacións de crise política, eventos ambientais extremos e outras vulnerabilidades.

Saber, por exemplo, como impactará a maior recorrencia de eventos extremos na ciberseguridade do país; que sectores económicos, lugares e recursos poden ser máis susceptibles a ciberataques nos distintos escenarios climáticos futuribles; e finalmente, pescudar se é posible predicir os impactos potenciais coa axuda de modelos baseados en intelixencia artificial, son as principais cuestións que formula esta liña de investigación.

Novos modelos preditivos baseados en IA

O proxecto CIBERECO comprende tamén o desenvolvemento de solucións de alto valor engadido para a mellora da ciberseguridade no país. Así, o equipo investigador creará novos modelos preditivos de fendas de ciberseguridade, ferramentas que empregarán algoritmos de intelixencia artificial (IA) para modelizar datos climáticos, combinados con outras técnicas de enquisa e modelos híbridos de aprendizaxe tipo ‘human-in-the-loop’.

ECOBAS é un centro de investigación interuniversitario que aspira a ser referente internacional no eido da sustentabilidade económica, ambiental e social. Integrado por 80 dos mellores académicos e académicas das tres universidades galegas, ECOBAS traballa para dar resposta aos grandes retos e desafíos da sociedade mediante a investigación de excelencia, a docencia, a divulgación e a transferencia de coñecemento.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2024.