Comeza o curso nas universidades galegas

O curso 2016-2017 na universidade galega comezou cunha sesión protocolaria no Salón Nobre do Colexio de Fonseca á que lle precedeu un minuto de silencio polo accidente ferroviario ocorrido esta venres en Porriño. En nome dos tres reitores, Juan Viaño reafirmou o compromiso da institución universitaria coa necesidade “ garantir unha formación de calidade para os nosos mozos e mozas”. Este colectivo, engadiu o reitor compostelán, “son o futuro que nos espera e seríamos uns irresponsables se non entenderamos a importancia de ter unha docencia e unha investigación universitaria semellante á de calquera lugar do mundo”. Nesta mesma declaración de intencións, Viaño asumiu como inherente ás universidades “a obriga de atender as necesidades da sociedade dun xeito áxil, eficaz e transparente e non podemos caer nunca no conformismo de pensar que polo mero feito de ser públicas xa somos inmortais”, dixo.
Se ben “o fracaso é algo que debe preocuparnos pero non asustarnos, xamais debe impedir que asumamos novos retos e cambiemos o xeito de facer as cousas que non funcionan”. Por contra, “o éxito lógrase con esforzo, responsabilidade e colaboración”. A conxugación de ambos extremos “son as que aplicaremos neste curso que agora inauguramos e que marcarán un novo tempo no que as universidades debemos medrar en produción científica, en captación de estudantes novos, en atracción de alumnado estranxeiro e na mellora dos recursos para a docencia e a investigación”.
Sobre a situación da educación superior actual e do seu futuro máis inmediato, Juan Viaño considera que o debate non se atopa no número de universidades dun sistema educativo senón que se volta necesario falar “dos resultados formativos e de investigación que achegan cada ano á sociedade. Os debates dos oitenta deben quedar nos oitenta e o do ano 2016 deben centrarse en cómo formar mellores profesionais da medicina, a avogacía, a economía ou a química”. Dende esta consideración, os debates do segundo milenio “deben aspirar a descubrir ou inventar a solución ao cancro, ao racismo ou á alimentación mundial”, porque “ese é o lugar no que estamos aquí e ese é o lugar onde está o resto do mundo”.
Como retos das universidades no futuro máis inmediato, o reitor da USC avogou por axilizar os procedementos administrativos así como por crear mecanismos adaptados os tempos actuais de xeito que permitan atender mellor o estudantado. Tamén apuntou o desenvolvemento de “novos modelos de xestión que permitan nun futuro próximo dedicar máis recursos a docencia, investigación e a transferencia do coñecemento”.
Colaboración
Asumindo que “a sociedade ten razón cando nos pide concentrar os nosos esforzos na especialización en temas nos que podemos ser excelentes”, o reitor compostelán dixo que as universidades son conscientes da necesidade de colaborar, e puxo como mostra en materia de oferta docente a creación “das primeiras bases para establecer unha especialización por universidades e campus que garanta un maior aproveitamento dos recursos para converternos, pouco a pouco, nun ecosistema onde se poidan satisfacer todas as demandas dos nosos estudantes”. Neste mesmo contexto cooperativo Viaño destacou o valor de establecer mecanismos comúns que nos benefician a todos, “ como o futuro Consorcio Interuniversitario de Galicia que articulará mellor a nosa colaboración diaria”.
Pola súa banda o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, avanzou a necesidade de recoñecer o esforzo dos alumnos máis excelentes da Universidade, porque “o esforzo é a pedra filosofal do talento, e ese esforzo debe ser coñecido e recoñecido”. Recoñecido –proseguiu– “para que o traballo diario non quede no plano individual, para que a excelencia sexa o leitmotiv do sistema e para que os nosos mozos e mozas se poñan metas e as superen cada ano”.
Así mesmo, Román Rodríguez fixo extensible a necesidade de posta en valor á excelencia na xestión e nos resultados. Deste xeito, invitou a traballar a todos os presentes nesta dirección co fin de explorar vías para acreditar ese recoñecemento, “vías que nos permitan escalar e consolidar posicións nos rankings internacionais e potenciar o ascenso da Universidade galega a nivel global”, remarcou.
Lección inaugural
O catedrático de Lingua Española da Facultade de Humanidades de Lugo Alexandre Veiga foi o encargado este ano de pronunciar o discurso inaugural, que titulou ‘O labor dos copistas dun texto poético de clerecía’. Na súa intervención explicou de maneira concisa os resultados do estudo do Poema de Fernán González, no que leva anos inmerso e que cualificou como “o máis problemático texto literario castelán encadrable na produción poética do chamado mester de clerecía”.
Mesa presidencial
Nesta sesión inaugural do curso universitario en Galicia, xunto ao reitor da USC integraban a mesa presidencia os seus homólogos da Coruña Julio Abalde e de Vigo Salustiano Mato, así como o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. Tamén estiveron presentes os presidentes dos Consellos Sociais de Santiago e Vigo, José Mª Arias Mosquera e Ernesto Pedrosa Silva, respectivamente.
A cerimonia contou coa presenza do alcalde de Santiago, a alcaldesa de Lugo, o secretario xeral de Universidades ou o presidente do Parlamento de Galicia, entre outros.
O acto, presidido polo conselleiro Román Rodríguez, contou cos reitores das tres universidades galegas (Foto: SERVIMAV-USC) O catedrático de Lingua Española Alexandre Veiga foi o encargado de pronunciar o discurso inaugural (Foto: SERVIMAV-USC)