Ir o contido principal

Comezan en Rianxo os traballos da campaña 2025 do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática

Comezaron os traballos de exhumación na parroquia de Asados. Foto: Lentes Diverxentes
Comezaron os traballos de exhumación na parroquia de Asados. Foto: Lentes Diverxentes
O grupo HISTAGRA-CISPAC-USC, que logo se trasladará a Teo, busca exhumar os corpos de dúas vítimas da violencia golpista de 1936
Santiago de Compostela

O grupo HISTAGRA-CISPAC-USC formado por historiadores, antropólogos forenses, arqueólogos e xenetistas segue a pescudar sobre o pasado de violencia en Galicia, xa coa experiencia de 2021-2024. Así, a campaña de 2025 deu comezo este luns 27 en Asados (Rianxo), coa exhumación dunha fosa que se atopa no propio adro da igrexa de Santa María de Asados na que xacen dúas vítimas da violencia golpista de 1936, ambos paseados cun mes de diferenza, aproximadamente.

As vítimas son Manuel Piñeiro Abeijón, veciño de Boiro que o 14 de agosto de 1936 foi paseado no alto da Paradegua para logo os golpistas abandonar o seu corpo sen vida na estrada próxima á igrexa de Asados, e Francisco López Pérez, veciño da parroquia de Taragoña que tamén foi paseado no mesmo lugar o 12 de setembro de 1936 e despois levado a un lugar próximo á igrexa.

A campaña continúa en Luou

Unha vez rematados os traballos en Rianxo, a campaña de estudo e exhumación de novas fosas trasladarase o 10 de novembro a unha fosa da resistencia guerrilleira antifranquista emprazada no cemiterio da igrexa de Santa María de Luou (Teo) na que se atopan os restos de catro membros da V Agrupación comandada por Benigno Andrade, o “Foucellas”. En concreto, nesta fosa foron inhumados Ricardo Fernández Carlés, natural de Pontecesures; Florentino Menéndez Palacios, natural de Peñarrubia (Sama de Langreo); Manuel Agrasar Cajaraville, o “Barbarroxa”,  natural da Matanza (Iria Flavia, Padrón); e Vicente López Novo, co alcume de “el hijo de la Nova”, natural de Santa Uxía de Ribeira. 

No informe histórico preliminar estanse a analizar as diferentes fontes e relatos que conducen a diversas hipóteses sobre o acontecido durante o enfrontamento que tivo lugar o 19 de maio de 1948 no lugar de Loureiro, parroquia de Luou. Ese enfrontamento resultou na morte deles catro máis dun garda civil. Lograron escapar, pola parte da resistencia, “Foucellas” (Benigno Andrade) e Xosé Ramuñán Barreiro.

A campaña de 2025

O convenio de colaboración para poñer en marcha a anualidade 2025 do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática, seguindo o impulso da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, asinárono o pasado agosto a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Universidade de Santiago de Compostela.

Logo dos traballos en Rianxo e Teo, a campaña deste ano continuará coa investigación histórica da fosa de Riberias de Sor (Mañón). Así mesmo, procederase coas labores de recoñecemento nos espazos de defunción das campañas pasadas.

Por parte da USC, a través do Grupo Histagra, o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e o doutor en Historia e profesor Antonio Miguez Macho coordinan un equipo de investigación formado por arqueólogos dirixidos polo profesor da USC Jose Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense do IMELGA Fernando Serrulla Rech e o equipo de xenética do Instituto de Ciencias Forenses 'Luis Concheiro' dirixido por María Victoria Lareu.

O grupo ten xa actualizado o mapa de fosas de Galicia para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de persoas asasinadas pola violencia franquista.

O Plan cuadrienal

O Plan cuadrienal integra tres liñas estratéxicas fundamentais das políticas públicas de Memoria Democrática que se pretenden desenvolver ao longo do período (2025-2028), aínda que os seus obxectivos sexan revisables de forma anual: localización, exhumación das fosas e identificación de vítimas; divulgación de traballos efectuados e resultados conseguidos, e recoñecemento dos lugares de enterramento e promoción dos lugares de memoria.

De novo, a axuda e a presenza da sociedade civil de Galicia, a través das asociacións de memoria democrática, investigadores locais e familiares de asasinados/as, convértese nun piar fundamental da investigación, de igual xeito que foi para a boa marcha de nomesevoces.net. É por iso que dende o grupo fan un chamamento a todas aquelas persoas e entidades que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos relativas a elas.

En 2021-2024 realizáronse os traballos de investigación e exhumación das fosas de Vilagarcía de Arousa e Crecente (2021), Celanova, Lousame e A Capela (2022), Narón Fase I, Oza-Cesuras e Viana do Bolo (2023), Cabreira (Salvaterra de Miño) e O Val Fase II (Narón) (2024). 

O equipo preparando o traballo no cemiterio de Santa María de Asados. Foto: Lentes Diverxentes
O equipo preparando o traballo no cemiterio de Santa María de Asados. Foto: Lentes Diverxentes
Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2025.