Comezaron na USC os actos conmemorativos do Día da Muller Traballadora

As actividades conmemorativas do Día da Muller Traballadora na USC comezaron en Santiago no Colexio de Fonseca este xoves, día 8, coa conferencia ‘A masculinidade do coñecemento’ a cargo da catedrática de Dereito Civil e ex reitora da Universidade sevillana Pablo de Olavide, Rosario Valpuesta. Deseguido, o Espazo de Danza Universitario, baixo a dirección artística de Juan Carlos Zahera, representou a peza ‘Cun par de TakóNS!’. Esta obra de creación colectiva trata de transmitir os diferentes ánimos da muller expresados a través de estados físicos que van dende a pasividade ata o frenesí, pasando polo total descontrol.
Baixo o lema ‘Mulleres no século XXI’, a USC conmemora o Día da Muller Traballadora co desenvolvemento de diversos relatorios e mesas redondas ao logo de todo o mes de marzo que analizarán o papel da muller en distintos eidos científicos e académicos. Logo da conferencia de Santiago, Rosario Valpuesta intervirá tamén en Lugo nun acto previsto para este xoves, día 8, a partir das 18:00 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Veterinaria.
Resto de actividadesAs actividades que conmemoran o Día da Muller Traballadora na USC continúan durante todo o mes coa celebración dun ciclo de relatorios e mesas redondas que percorrerán diversos centros do Campus de Lugo. Así, a Facultade de Ciencias acolle o xoves 15 ás 10:00 horas a intervención da coordinadora do grupo de Voluntarios de Axuda en Acción de Lugo, Ana Barral Fernández, quen falará sobre a muller como factor clave no desenvolvemento. Seguidamente se abrirá unha mesa redonda para analizar o papel das enxeñeiras no século XXI e na que participarán as enxeñeiras técnicas Margarita López e Uxía Díaz, moderadas polo decano da Facultade, Francisco Fraga.
O mércores 21 ás 17:00 horas será a quenda da Facultade de Humanidades que acollerá o relatorio das escritoras Luz Pozo e Carmen Blanco sobre as mulleres e as ciencias humanas no século XXI. Pola súa banda, a presenza das mulleres na Administración Pública será analizada pola directora xeral de Protección Civil, María Esther González Saavedra, o día 22 ás 18:00 horas na Escola Politécnica Superior. Deseguido celebrarase unha mesa redonda sobre muller e enxeñaría na que participarán a directora de AGROAMB, Mercedes Pérez; a presidenta de Enxeñaría Sen Fronteiras, Raquel Zolle; a representante do Proxecto Infinitas Renovables, Verónica Cascallana Bouza; a representante de NATUTECNIA Consultoría, Mar Domínguez Paredes; e de GIMENA Ingeniería, Eva Salvador e María Guerreiro.
Como remate aos actos polo Día da Muller Traballadora, o día 28 a Facultade de Veterinaria acollerá ás 12:30 horas o relatorio da catedrática de Medicina e Cirurxía Animal da Universidade Complutense de Madrid, María Castaño Rosado, quen falará das mulleres veterinarias.