A Comisión Reitora aproba a Memoria de actividades do Campus Terra 2025
O reitor Antonio López Díaz presidiu este xoves 20 a xuntanza da Comisión Reitora do Campus Terra que se desenvolveu no Edificio Cactus do Campus de Lugo e na que se aprobou a Memoria de actividades deste campus de especialización da USC, correspondente ao ano 2025.
Xunto ao reitor, interviñeron na xuntanza o xerente da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Ferreira; o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; o decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, Roberto Bande, que actuou en representación das direccións das facultades e escolas do campus; o secretario xeral de Universidades, Alberto Díez de Castro; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Irene Bonome Gradaílle, que participou por videoconferencia; a concelleira do Concello de Lugo, Ana González Abelleira; o deputado da Deputación Provincial de Lugo, Pablo Rivera Capón; e Emma Romero Brey, da empresa FINSA, que tamén participou por videoconferencia.
Referente científico
O Campus Terra de Lugo, promovido pola Secretaría Xeral de Universidades, nace como resultado do acordo entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo principal de transformar o campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e ambiental do uso da TERRA, polo cal foi acreditado como campus de especialización do SUG.
Este campus conforma un entorno universitario especializado no eido agroalimentario desde unha perspectiva multidisciplinar que abarca os eidos medioambiental, económico, social e cultural, tanto na súa vertente docente -con titulacións de grao, mestrado e programas de doutoramento-, como na súa dimensión investigadora, con actividades de transferencia e difusión ao sector produtivo e á sociedade en xeral.
A natureza dinámica do proceso de especialización, as capacidades desenvolvidas no Campus Terra nos últimos anos e a procura da singularidade desta iniciativa na contorna económica e social, conduciron a focalizar a especialización sobre catro eixos principais: Produción Vexetal e Agricultura Sostible, Produción e Saúde Animal Sostibles, Alimentación Segura e Saudable e Xestión Forestal Sostible. Estes catro eixos científicos principais están relacionados con outros tres transversais, como son a utilización das TICs e as Ómicas, o Cambio Climático, e a Biodiversidade e Infraestruturas Verdes.