Ir o contido principal

O Comité Consultivo de Filoloxía celebra a súa primeira reunión

O Comité Consultivo de Filoloxía celebrou a súa primeira reunión
O Comité Consultivo de Filoloxía celebrou a súa primeira reunión
Os debates da sesión centráronse no deseño de actuacións orientadas á mellora da proxección social do centro, así como na adecuación da oferta dos títulos de grao e mestrado e as oportunidades de expansión en materia de titulacións
Santiago de Compostela

O Comité Consultivo de Filoloxía acaba de celebrar a súa primeira xuntanza para analizar propostas que redunden na mellora da proxección social do centro así como na súa oferta de títulos. Este Comité é un órgano de asesoramento constituído o pasado mes de xullo co obxectivo de debater as tendencias e cambios nas demandas sociais que resulten de interese para o desenvolvemento da actividade docente e investigadora do centro, prestar apoio na elaboración e implantación do seu plan estratéxico e trasladar á sociedade información sobre a Facultade.

O comité presídeo a decana, María José López Couso, e complétano a vicedecana de Calidade, Elisa Fernández Rei, e un total de doce membros que representan a institucións públicas e privadas de especial relevancia nos ámbitos educativo, cultural, editorial, dos medios de comunicación ou da investigación, entre outros. Entre outros confórmano a presidenta do Consello de Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o científico Titular do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento – CSIC; Pablo S. Otero Piñeyro Maseda; o ex alumnos de grao e mestrado do centro, Ismael Ramos Castelo e Alba María Rodríguez Díaz; a directora de Sermos Galiza e de Nós Diario, María Obelleiro Hermida; a primeira tenente de alcalde do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; o director do IES Xelmírez I, Manuel Portas Fernández; a bibliotecaria da Fundación Eugenio Granell, María Pitas Ponte; a vogal da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación – AGPTI, Rossana Couto; o director da Escola Oficinal de Idiomas de Santiago, Gonzalo Constela Borregueir; ou o representante de Macmillan Education Iberia, Gabriel Anxo Botana Penas.

Un dos temas principais para o debate nesta primeira reunión foi a formulación de posibles actuacións orientadas á mellora da proxección da Facultade na sociedade e ao fortalecemento das relacións co estudantado e o profesorado do ensino secundario.

Por outra banda, a oferta de títulos de grao e mestrado e as posibilidades de expansión en materia de titulacións a medio e longo prazo ocupou unha boa parte da xornada de traballo do Comité. Na actualidade, a Facultade de Filoloxía imparte cinco títulos de grao e seis mestrados, neste último caso dous deles son os únicos mestrados Erasmus Mundus que se imparten no conxunto do Sistema Universitario Galego.

No ámbito das titulacións, como explicou a decana María José López Couso os membros do Comité Consultivo mantiveron un “frutífero intercambio de pareceres sobre a nova modalidade de ‘graos abertos’ anunciada recentemente pola Xunta de Galicia”, así como sobre a posibilidade de ofrecer no futuro módulos específicos sobre linguas, literaturas e culturas que a Facultade non oferta na actualidade, como o chinés, o árabe ou o ruso. Tamén se fixo referencia á “transcendencia para a USC da implantación dun Máster en Ensino de Español como Lingua Estranxeira, un proxecto no que a Facultade leva xa algún tempo traballando”, engadiu López Couso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2019.