Ir o contido principal

O comité de especialistas da EAEVE presenta un informe favorable de cara a que Veterinaria renove a súa acreditación europea

Foto de familia do comité de especialistas co equipo decanal e integrantes da comunidade universitaria de Veterinaria
Foto de familia do comité de especialistas co equipo decanal e integrantes da comunidade universitaria de Veterinaria
A comitiva da Asociación Europea de Establecementos de Formación Veterinaria desprazada a Lugo considera que a Facultade cumpre coa maioría dos requirimentos e salienta a ausencia total de deficiencias relevantes
Lugo

“Moi satisfeito e agradecido a todos os colectivos que contribuíron a que este resultado fose posible”. Con estas verbas se expresou emocionado o decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández Rodríguez, logo de coñecer o informe favorable do comité de especialistas encargado de emitir un informe clave para que o centro lugués renove a acreditación da Asociación Europea de Establecementos de Formación Veterinaria (EAEVE). Este é un selo que distingue os centros de referencia en formación veterinaria de toda Europa e ao que Veterinaria se uniu no ano 2002. Dende o luns 24 e ata este venres 28, a comitiva europea percorreu as instalacións do centro e mantivo xuntanzas con diferentes colectivos universitarios, nas que puido constatar, tal e como se destacou na presentación do informe, que este centro da USC carece de deficiencias relevantes e cumpre coa inmensa maioría dos requirimentos para a renovación do selo.

O chairperson do comité, Olivier Glardon, foi o encargado de presentar as principais conclusións do informe nun acto público que se desenvolveu este venres 28 no Auditorio da Facultade de Veterinaria. Glardon comezou a súa intervención dando conta dos puntos fortes cos que conta esta Facultade da USC. Así, puxo o foco na implicación de todo o centro nas políticas de calidade; no amplo rango de modelos animais dispoñibles no laboratorio de habilidades clínicas, así como no amplo abano de actividades que permite que o estudantado practique primeiro en modelos animais, antes de facelo en seres vivos; ou na “formación práctica excelente” no eido da saúde pública. A formación práctica en inspección e hixiene dos alimentos conformou outro dos aspectos destacados do informe.

O Hospital Veterinario Universitario Rof Codina ou a Granxa Gayoso Castro foron tamén puntos relevantes na presentación de Olivier Glardon. Con respecto ao Hospital, o comité destacou a súa xestión económica, así como o “equilibrio” que mantén entre a práctica asistencial e a docencia, tendo sempre o estudantado como “prioridade”. No relativo á Granxa, o informe destaca o seu equipamento excelente e, en concreto, o arredor de medio centenar de vacas leiteiras que se empregan na docencia e o sistema de robotización á hora de muxir.  

Xuntanzas 

Ao longo da semana, a comitiva visitou aulas, laboratorios, o Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET) ou a Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, entre outros espazos. Ademais, desenvolvéronse reunións temáticas nas que se abordaron cuestións como as políticas de calidade, as finanzas, currículo, equipamentos, o emprego de recursos de orixe animal e os recursos dedicados á docencia, a admisión do estudantado ou os programas de investigación, entre outras cuestións.  

“Este foi un traballo en equipo”, salientou  o decano de Veterinaria, quen tivo palabras de agradecemento para o persoal docente e investigador, o persoal de administración e servizos, e o estudantado do centro, así como para o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, a Granxa Gayoso Castro, así como institucións, colectivos profesionais e empresas que mantiveron e manteñen un estreito vínculo co centro. Con todo, o decano mantén a cautela xa que este informe é un elo máis no proceso de renovación do selo, agora correspóndelle ao European Committee of Veterinary Education (ECOVE) emitir nos vindeiros meses a valoración final.

Integrantes 

Ademais de Glardon, integraron a comitiva Caroline Prouillac de VetAgro Sup (Lyon), Tatiana Art da Université de Liège, Mark Crowe do University College Dublin, Yagmur Derman da University of Helsinki, Preben Dybdahl Thomsen da University of Copenhagen, Małgorzata Matylda Nosiadek da Wrocław University of Environmental and Life Sciences (Wrocław) e Massimo Castagnaro, coordinador da comitiva, da Università degli Studi di Padova. O informe favorable foi emitido por unanimidade dos oito membros do comité. 
 

O acto desenvolveuse no Auditorio de Veterinaria
O acto desenvolveuse no Auditorio de Veterinaria
Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2025.