Ir o contido principal

A comunidade universitaria reciclou máis de 33.000 envases dende a posta en funcionamento do programa Reciclos en 2022

O sistema ofrece diversas recompensas a través da práctica da reciclaxe. FOTO: Santi Alvite
O sistema ofrece diversas recompensas a través da práctica da reciclaxe. FOTO: Santi Alvite
O aforro obtido “equivale practicamente ao que emite un coche de tamaño medio durante o percorrido duns 18.000 quilómetros”, explica o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa
Lugo, Santiago de Compostela

Dende a implantación do programa Reciclos no ano 2022, a comunidade universitaria da USC reciclou un total de 33.020 envases, entre latas de aluminio (3.140) e botellas de plástico PET (tereftalato de polietileno, 29.880) nas sete máquinas instaladas entre Compostela e Lugo. A reciclaxe das latas de alumino supuxo un aforro equivalente a 470 quilogramos de dióxido de carbono, e o aforro pola reciclaxe das botellas de PET ascendeu a 1500 quilogramos de CO2. “Este aforro equivale practicamente ao que emite un coche de tamaño medio durante o percorrido duns 18.000 quilómetros”, explica o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa.

O programa Reciclos de Ecoembes debe ser agora reformulado para adaptarse ao novo marco normativo, pero mentres tanto, a situación operativa manterase do mesmo xeito que ata o de agora. As primeiras máquinas instaláronse en Santiago a finais de 2022 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, en Matemáticas, no módulo central das facultades de Psicoloxía e Ciencias da Educación, en Ciencias Económicas e Empresariais e na Biblioteca Concepción Arenal. A elas sumáronse, xa en 2024, a da Residencia Universitaria Burgo das Nacións en Compostela e a da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo.

O sistema ofrece diversas recompensas a través da práctica da reciclaxe e, dende os seus inicios, os puntos Reciclos puideron ser trocados por accións como colaborar co Banco de Alimentos ou con Oceánidas, para axudar a conservar o fondo mariño. Ademais, o programa tamén serviu para poñer o foco no Día Mundial da Loita contra o Cancro de Mama que se conmemora cada 19 de outubro, ao poder realizar doazóns para a Asociación Española contra o Cancro.

“A reciclaxe de materiais supón un beneficio económico, social e ambiental pero tamén xeopolítico para Europa, debido á escaseza de materias primas”, explica Gumersindo Feijoo. Este sistema de reciclaxe está implantado na cidade de Santiago de Compostela tamén dende 2022, onde centos de contedores amarelos xa contan coa tecnoloxía Reciclos, podendo a veciñanza recibir recompensas polas latas e botellas de plástico xeradas nos seus fogares. No caso da USC, “os datos evidencian o compromiso da comunidade universitaria coa práctica da reciclaxe” a través do Sistema de Devolución e Recompensa de Ecoembes, conclúe Feijoo Costa, unha experiencia pioneira nos campus universitarios galegos.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.12.2025.