Os concellos de Vilagarcía e Caldas reforzarán a súa colaboración coa Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con
O reitor Antonio López xuntos cos alcaldes de Vilagarcía e Caldas de Reis, Alberto Varela e Juan Manuel Rey, respectivamente, visitaron este venres as instalacións científicas do Instituto de Hidrobioloxía Encoro do Con, nunha visita na que os rexedores municipais expuxeron a súa vontade de renovar e ampliar a actual colaboración coa USC. Neste senso, o alcalde de Vilagarcía propuxo a sinatura dun convenio para que a Estación de Hidrobioloxía realiza a análise de potabilidade da augas das fontes municipais, mentres que o de Caldas de Reis anunciou a súa intención de renovar o acordo existente para a realización das analíticas de control da cianobacteria da microcistina nas augas do encoro de Caldas e na súa rede de abastecemento.
Como sinalou o reitor compostelán, a recente creación da Rede de Estacións Biolóxicas da USC busca reforzar o traballo de investigación realizado nestas instalacións e potenciar a súa implicación no proceso docente das titulacións de grao e posgrao afíns. Esta Rede de Estacións Biolóxicas está conformada ademais de pola de Encoro do Con, pola de Bioloxía Mariña da Graña (Ferrol) e pola Científica do Courel. Xunto ao reitor e os rexedores municipais, na visita deste venres participaron tamén o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri; o coordinador científico da Rede, Xosé Lois Otero Pérez; e o xefe da Estación, Rufino Vieira.
Guiado por Rufino Vieira, o grupo coñeceu as instalacións da estación e as distintas liñas de traballo que se desenvolven, así como os espazos destinados a aloxamento de investigadores, convidados e participantes en cursos. O xefe do centro deu conta dos distintos proxectos internacionais nos que participan actualmente os investigadores xunto con técnicos de Portugal e Francia, entre outros o Live Invasqua, para o estudo de especies exóticas invasoras acuáticas; Migranet, o Observatorio das poboacións de peixes migratorios no espazo SUDOE; ou Diades, cuxo obxectivo é mellorar o estado da conservación de especies de peixes como o salmón, a lamprea ou a anguía. Os alcaldes destacaron o intenso labor investigador que se realiza no centro situado ao pé do Encoro do Con e a súa aplicación práctica ás problemáticas da contorna, así como a súa dotación e instalacións.