Ir o contido principal

Concepción Losada Vázquez, recoñecida co premio ‘Luis Porteiro Garea’

Concepción Losada, nunha imaxe recente. Foto: Denís Estévez
Concepción Losada, nunha imaxe recente. Foto: Denís Estévez
O xurado adoptou esta decisión de forma unánime, para recoñecer “a súa ampla traxectoria na promoción do idioma e na galeguización de ámbitos e actividades da USC”

A profesora da Área de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía e presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego Concepción Losada Vázquez acaba de ser recoñecida como merecedora do Premio ‘Luis Porteiro Garea’, galardón que distingue a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos que contribuíran á normalización da lingua galega na propia USC. O premio toma o seu nome de quen fora profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala que pronunciou o 16 de setembro de 1915 no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego da que se ten constancia.

O xurado acordou de forma unánime conceder o premio á profesor Losada destacando “a súa ampla traxectoria na promoción do idioma e na galeguización de ámbitos e actividades da USC”. Ademais de “ser un exemplo do uso da lingua para as promocións de profesores e estudantes mais novos, foi a primeira presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía da USC”, destacou o xurado, quen tamén valorou “o seu destacado papel no estudo e difusión da cultura galega”.

Anteriores persoas premiadas

Con esta concesión, a profesora Concepción Losada Vázquez únese a Manolo Bermejo, José Antonio Gómez Segade, Antón Costa, Antonio Rigueiro, Xosé Manuel Beiras, Margarita Ledo Andión e Marilar Aleixandre que recibiron este mesmo recoñecemento nas sete edicións anteriores. O premio entregarase nun acto público que se desenvolverá no Paraninfo da Universidade o 16 de setembro ou, de non ser posible, nunha data próxima.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2025.