Concerto do Cuarteto de Contrabaixos nos Campus de Compostela e Lugo
O ciclo ‘Clásicos en ruta’ que organiza a AIE e que estes días está a ter lugar na Universidade de Santiago, continuará este mércores e xoves coa actuación do Cuarteto de Contrabaixos. Con este programa, no que a USC participa por primeira vez, trátase de dinamizar a actividade de novos artistas.
O recital do Cuarteto de Contrabaixos terá lugar en Compostela este mércores, día 17, ás 21:00 horas no Colexio de Fonseca; e o xoves 18, ás 20:30, no Círculo das Artes en Lugo. Este cuarteto naceu en 1991 na Escola Superior de Música Raíña Sofía baixo o auspicio do mestre Ludwig Streicher e está integrado na actualidade por Raquel de la Cruz, Sergio Fernández, José Andrés Reyes e Álvaro Yepes, catro novos pero sólidos músicos que conforman esta pouco común formación camerística. En Santiago e Lugo ofrecerán un programa con obras de Bretón, Zamacois, Mozart, Brahms ou César Franck, entre outros.
Os concertos deste ciclo, de entrada libre, dan comezo a dous programas abertos que, baixo a denominación ‘Música en Fonseca’ en Compostela e ‘Música a Carón da Mosqueira’ en Lugo, pon en marcha a USC como puntos de encontro da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral coa música, dando cabida a diferentes propostas musicais ao longo do ano.