Ir o contido principal

A conciliación da vida académica e deportiva, piar para que a USC rexistre por primeira vez máis dun cento de deportistas de alto nivel

Este cento de deportistas abarcan preto dunha trintena de modalidades deportivas, sendo o taekwondo a que encabeza a listaxe cun 10% de deportistas DAN. FOTO: Santi Alvite
Este cento de deportistas abarcan preto dunha trintena de modalidades deportivas, sendo o taekwondo a que encabeza a listaxe cun 10% de deportistas DAN. FOTO: Santi Alvite
O 59% dos deportistas DAN na USC son mulleres, evidenciando “o compromiso da Universidade con valores como a igualdade e o fomento de hábitos de vida saudables”, explica o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico
Lugo, Santiago de Compostela

A USC contou no curso 24/25 con máis dun cento de Deportistas de Alto Nivel (DAN), cifra que subliña a tendencia ascendente dos últimos anos. Así, dos 27 deportistas DAN do ano académico 21/22, pasouse a 41 no 22/23, a 75 no 23/24, ata chegar aos 104 rexistrados no presente curso. “A tendencia á alza é clara”, explica o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, e débese “á aposta decidida que a USC vén desenvolvendo nos últimos anos a prol do Deporte, facilitando a compatibilidade entre vida académica e deportiva”.

Para acadar este obxectivo, resulta crucial o papel do Persoal Docente e Investigador (PDI) que actúa como persoal titor. “O rol dos e das titoras é fundamental xa que son as persoas encargadas de facilitarlles a vida aos e ás deportistas, de tal xeito que cando xorde calquera contratempo na conciliación entre as facetas académica e deportiva, teñen a quen acudir para seguir avanzando da forma máis acaída, sen necesitade de facer renuncias e buscando o xeito máis adecuado e saudable para optimizar o tempo”. En total, 32 titulacións da USC posúen entre o seu estudantado deportistas de alto nivel, sendo os graos en Medicina e Psicoloxía as que encabezan a listaxe con 24 e 12 deportistas, respectivamente.

Máis mulleres

Ademais, o 59% dos deportistas DAN na USC son mulleres, evidenciando “o compromiso da Universidade con valores como a igualdade e o fomento de hábitos de vida saudables”, destaca Javier Rico. Este cento de deportistas abarcan preto dunha trintena de modalidades deportivas, sendo o taekwondo a que encabeza a listaxe cun 10% de deportistas DAN.

“A diversidade é unha das riquezas que estamos a poñer en valor, queremos promover todo tipo de deportes e nese traballo de impulso desenvolven un papel moi importante as federacións, con algunhas das cales temos asinado convenios de colaboración que nos permiten tender pontes entre vida académica e práctica deportiva de alto rendemento”, explica o delegado do reitor para o Deporte.

Todo o traballo dos últimos anos non só se traduce en máis deportistas DAN rexistrados, senón que ten un impacto directo no palmarés obtido. Así, no curso 24/25 estes 104 deportistas rexistraron un total de 263 resultados que os situaron entre os primeiros postos de competicións internacionais (o 23% dos resultados), estatais (41%) e autonómicas (36%). Nesta liña, o delegado do reitor para o Deporte quere poñer o foco no traballo desenvolvido dende a Área Deportiva da USC tanto “no impulso do deporte no seo da comunidade universitaria, como á hora de dotar a súa práctica coa infraestrutura humana precisa”, conclúe. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.07.2025.