Ir o contido principal

Os conflitos por falsidades e falsificacións na Idade Moderna, obxecto de debate en Humanidades

Detalle do arquivo histórico da USC. FOTO: Santi Alvite
Detalle do arquivo histórico da USC. FOTO: Santi Alvite
A Facultade acollerá o 21 de marzo este foro cuxo prazo de inscrición permanece aberto de balde para o conxunto da cidadanía
Lugo

‘De toda falsidade. Conflitos por falsidades e falsificacións na Idade Moderna’ é o título do foro que a Facultade de Humanidades do Campus de Lugo acollerá o 21 de marzo e no que se busca o achegamento a aqueles conflitos que se orixinaron nas sociedades modernas, e especialmente as da Monarquía Hispánica, por falsidades ou falsificacións, de moi variada índole. As inscricións poden formalizarse a través do enderezo ruben.castro [at] usc.es (ruben[dot]castro[at]usc[dot]es)

Así, abordaranse os procedementos en falso coa intención de reflexionar sobre aqueles oficios que se facían sen a acreditación suficiente, como o dos cónsules sen execuator (o certificado da monarquía para representala ante outras potencias) ou daqueles oficios profesionais que se exercían sen o título que se requiría, polo que o conflito derivaba en moitas ocasións no que hoxe denominamos intrusismo. Outro caso obxecto de análise é o das persoas que testificaban en falso nun xuízo, aspecto capital para a resolución dun litixio ante un xuíz. Os relatorios desta mesa correrán a cargo de Manuel-Reyes García Hurtado, da UDC; Mario Sixto Puente, da USC; e Margarita Torremocha Hernández da Universidade de Valladolid.

O foro tamén acollerá unha mesa sobre falsidade identitaria. Neste caso, o tema que suscita esta sesión apunta cara aqueles actos deliberados que tratan de borrar as pegadas dunha tradición familiar ou do propio relato histórico. Para isto, Ofelia Rey Castelao, Premio Nacional de Historia 2022 e profesora da USC, achegará unha visión transversal sobre as "falsas historias" de cidades e territorios na Idade Moderna, “case sempre para adaptar o relato histórico, e por tanto o pasado oficial, coa imaxe que querían dar”. María José Pérez Álvarez, da Universidade de León, fará o propio coas familias da nobreza leonesa, habitualmente para discutir ou arrebatar a sucesión nos morgados de ditos liñaxes. Daniel Mena Acevedo da USC, presentará, pola súa parte, a falsificación dun testamento na casa de Santa Cruz de Ribadulla para facerse co patrimonio do marqués falecido a mediados do século XVIII. E finalmente, Ana María Sixto Barcia da Universidade de León, abordará a falsificación de vidas idílicas de monxas no interior dos conventos a un e outro lado do Atlántico na Idade Moderna.

Falsidade material, terceira mesa deste foro, achegarase a procesos de falsificación sobre obxectos tanxibles. Así, Bernard Vincent, un dos máis reputados hispanistas franceses, presentará o caso coñecido como os ‘Libros plúmbeos de Granada’, unha falsificación de restos arqueolóxicos conducidos por unha elite mourisca nos momentos previos á expulsión de dita minoría, co obxectivo de tender pontes entre os cristiáns vellos e novos na antiga capital nazarí. Francisco Cebreiro Ares, da Universidade Complutense de Madrid, expoñerá aqueles conflitos derivados da falsificación de moeda na Idade Moderna, un aspecto capital para a Monarquía Hispánica polas súas implicacións fiscais e financeiras. Finalmente, Rubén Castro Redondo da USC fará o propio coa falsificación de pesos e medidas na Castela Moderna, presentando a loita entre o control das autoridades por garantir un comercio xusto entre compradores e vendedores, e a busca de lucro ilícito dalgunha destas dúas partes alterando as medidas polas cales se intercambiaban produtos por peso, capacidade ou lonxitude.

O congreso contará ademais coas conferencias de Francisco Andújar Castillo, da Universidade de Almería, que se encargará de abrir o congreso coa conferencia ‘Inventando, ocultando y falsificando méritos en los títulos nobiliarios (siglos XVII y XVIII)’; e Enrique Soria Mesa, da Universidade de Córdoba, que pronunciará para pechar o congreso a conferencia ‘Nuevas identidades, falsos orígenes. La manipulación documental entre los judeoconversos y los moriscos en la España Moderna’.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2025.