O I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa pecha este venres a inscrición

O I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa, un foro organizado pola UNED en colaboración coa USC para analizar a situación actual dos refuxiados e emigrantes en Europa e que se desenvolverá na Facultade de Humanidades de Lugo do 26 ao 28 de outubro, pecha este venres o prazo de inscrición. As persoas interesadas poden formalizar a súa matrícula na propia páxina web do congreso, na que tamén poden atopar información da programación deste foro, das bolsas e modalidades de inscrición dispoñibles, así como respecto dos relatores e relatoras que intervirán nas distintas sesións.
Aberto á participación dun máximo de 250 persoas, o I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa, cuxo comité organizador está presidido por María Dolores Fernández Tilve e María del Pilar Quicios García, profesoras da USC e da UNED, respectivamente, antóllase como un espazo de encontro e debate acaído para debater sobre a resposta política e socieducativa que se está a dar para atender as singularidades que presentan estes colectivos, ademais de para sensibilizar sobre a necesidade de formación técnica para a atención de emigrantes e refuxiados. O I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa está orientado á participación de investigadores sociais, avogados, médicos, educadores sociais, traballadores sociais, psicólogos, pedagogos, mestres, voluntarios, estudantes universitarios..., pero tamén ao a todas as demais persoas e profesionais interesados en acadar en formarse e prepararse tecnicamente para previr, xestionar e dar respostas eficientes aos efectos que depara este novo risco social. Programa e relatores A nómina de relatores convidados é ampla e inclúe diversos perfís, como o proba a presenza no programa de diplomáticos, catedráticos universitarios, voluntarios e mesmo de refuxiados. A catedrática de Traballo Social da Universidade de Castilla La Mancha, María José Aguilar, abrirá o 26 de outubro quenda de intervencións deste congreso, en cuxo programa tamén figuran como relatores Carlos Uriarte Sánchez, membro do Consello da Presidencia da Unión Paneuropea Internacional; o embaixador de Bosnia e Herzegovina en España, Darko Zelenika; a segunda secretaria de Asuntos Europeos da Embaixada de Hungría en España, Adrienn Nasz, e o refuxiado sirio e alumno da USC Mohamad Kamal Aldalati. Juan Iglesias Martínez, da Cátedra de Refuxiados do Instituto Universitario de Estudos sobre Migracións da Universidade Pontificia de Comillas; Carlos Aparicio de Santiago, do Grupo de Acción Sindical (GAS) que está a traballar con refuxiados en Alemaña, e o director do Secretariado da Comisión Episcopal de Migracións de España, José Luis Pinilla, son outros dos relatores que tamén intervirán neste congreso.