Ir o contido principal

O Consello do Estudantado bota a andar en Lugo as súas xornadas de convivencia e formación universitaria

Preto dun centenar de estudantes reuníronse no Auditorio de Veterinaria
Preto dun centenar de estudantes reuníronse no Auditorio de Veterinaria
Esta acción de dinamización estudantil contará cunha segunda sesión o vindeiro 23 de outubro en Compostela
Lugo

As Xornadas de Convivencia e Formación Universitaria organizadas polo Consello do Estudantado da USC botaron a andar este xoves 17, no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. Trátase dunha iniciativa de dinamización estudantil que promove unha participación activa, responsable e formada na comunidade universitaria e que facilita ao estudantado a información necesaria para o seu exercicio activo. A segunda das xornadas desenvolverase en Compostela o vindeiro mércores 23 de outubro, onde se desenvolverá un encontro co equipo reitoral da USC. 

“Queremos fomentar a participación do estudantado na Universidade e dar recursos e información para que poida intervir de xeito activo”, destacou Andrés Couso, presidente do Consello do Estudantado, no acto inaugural no que estivo acompañado pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; o decano de Veterinaria, Gonzalo Rodríguez; a profesora Belén Caballo que interveu por videoconferencia; e por Diego López, integrante do comité organizador e o encargado de debullar parte do programa. 

“Convivide moito”, dixo Pilar Murias ao centenar de estudantado asistente. “A USC débese a vós, ao que sodes vós, tedes a capacidade de influír no que é a USC”, subliñou a vicerreitora, quen lembrou que todo o traballo vivido xunto ao Consello do Estudantado conforma para ela “unha etapa chea de ilusión”. Pola súa parte o decano de Veterinaria lembrou que este tipo de iniciativas baseadas no fomento da participación na vida universitaria serven para “formar unha cidadanía comprometida”, elemento clave para o avance da sociedade. Finalmente, Belén Caballo destacou que este foro constitúe, ao igual que a Universidade, “un espazo de vida”. 

Programa

No transcurso da xornada no campus lucense, tivo lugar un obradoiro de igualdade, xunto cun encontro co Valedor da Comunidade Universitaria. A sesión contou tamén con diversas actividades e formacións de carácter xeral e outras específicas, a escoller segundo os intereses do estudantado. En concreto, ofrecéronse accións competenciais sobre trámites burocráticos, metodoloxías participativas e traballo en rede, estratexias de negociación, estratexias para o estudo e recursos da USC, primeiros auxilios, conciliación dos tempos educativos cos tempos sociais e persoais e obradoiros de regueifa, oratoria ou comunicación e redes sociais.

As formacións teóricas abordaron cuestións relacionadas cos dereitos do estudantado, historia do movemento estudantil, infraestruturas e espazos dos campus, regulamento de avaliación e asistencia, vivenda e mundo laboral, métodos de participación universitaria, responsabilidade social e carreira investigadora.

Este encontro deseñouse coa vontade de que chegue ao estudantado de todos os centros universitarios, garantindo cinco pazas por centro, con prioridade para estudantes de 1º e 2º curso. O Consello do Estudantado sufraga os gastos de transporte Santiago-Lugo e Lugo-Santiago. Ademais, a participación recoñécese cun crédito ECTS en recoñecemento da formación recibida. Colaboran nesta iniciativa o Clube de Debate, ESN, AIC, Erguer, Iuris Galicia e Alumni USC.

De esquerda a dereita, Andrés Couso, Pilar Murias, Gonzalo Rodríguez e Diego López. Belén Caballo interveu por Teams
De esquerda a dereita, Andrés Couso, Pilar Murias, Gonzalo Rodríguez e Diego López. Belén Caballo interveu por Teams
Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2024.