O Consello de Goberno aproba adaptacións do regulamento que rexerá as vindeiras eleccións á Reitoría

O Consello de Goberno aprobou este venres 26 o acordo polo que se adapta o Regulamento Electoral Xeral da USC á Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) diante do proceso de elección de reitor ou reitora previsto para o primeiro terzo de 2026. Dado que os novos Estatutos da USC están pendentes de aprobación e non é posible presentar neste momento unha reforma en profundidade do Regulamento Electoral Xeral da USC, realizouse unha modificación puntual e transitoria para adaptalo aos mandatos da LOSU.
Deste xeito, queda establecido que as persoas candidatas deberán ser persoal docente e investigador permanente doutor a tempo completo, prestar servizos na USC e estar en posesión, como mínimo, de tres sexenios de investigación, tres quinquenios docentes e catro anos de experiencia de xestión universitaria nalgún cargo unipersoal, tal e como figura na disposición transitoria primeira da Lei orgánica.
Outras modificacións do regulamento atinxen á composición da Comisión Electoral Central, que estará composta por 12 membros da comunidade universitaria e presidida pola secretaria xeral da USC, e á actualización das novas categorías de persoal que existe no ámbito universitario.
Persoal
Se ben na planificación de actuacións en materia de PDI para 2025 a USC prevía, a 31 de decembro, as baixas de 41 docentes, unha vez finalizado o curso académico, e xa con datos reais, a cifra final de baixas coñecidas ascende a 61. É por iso que o Consello de Goberno aprobou este venres unha proposta complementaria que permita atender as novas necesidades, de maneira que se crean 25 prazas de profesorado axudante doutor (15 para Santiago e 10 para Lugo) e outras 2 de profesor asociado para o Campus de Lugo.
Ademais, en materia de PDI aprobouse a asignación a área de coñecemento e servizo dunha praza de profesorado vinculado, os complementos por actividade investigadora de profesorado contratado (sexenios) e unha corrección de erros na proposta de complementos de recoñecemento de mérito docente de 2024.
Pola súa banda, con respecto ao persoal investigador e coa pretensión de axilizar e adiantar no tempo o proceso, chegouse a un acordo polo que se regula a estabilización do persoal investigador de programas de recursos humanos con axudas do European Research Council (ERC). Ademais, ratificouse o acordo para o desenvolvemento do proceso extraordinario de encadramento e acceso aos graos da carreira profesional horizontal no ámbito do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da USC.
Xa por último neste ámbito, deuse luz á proposta de incorporación de 18 investigadoras e investigadores Ramón y Cajal a 15 áreas de coñecemento da USC
Outros asuntos
A orde do día contemplaba outros asuntos que tamén contaron coa aprobación do Consello como cursos de estudos propios e memorias, regulamentos de fin de estudos ou os logos das cátedras institucionais Castelao, Otero Pedrayo e Rosalía de Castro.