Ir o contido principal

O Consello de Goberno aproba o Sistema de Garantía Interna de Calidade de oito centros da USC

O Consello de Goberno aprobou na súa reunión do mércores o Sistema de Garantía Interna de Calidade (SGIC) dos centros da USC que participarán na segunda convocatoria do programa FIDES-AUDIT da ACSUG e que son a Escola Universitaria de Enfermería, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría e as Facultades de Ciencias Políticas, de Ciencias da Comunicación, de Farmacia, de Filoloxía, de Matemáticas e de Psicoloxía.
O marco EEES e os novos cambios introducidos na normativa española establecen que as universidades deben garantir nas súas actuacións o cumprimento dos obxectivos asociados ás ensinanzas que imparten, buscando ademais a súa mellora continua. Por iso, as universidades deben contar con políticas e Sistemas de Garantía Interna de Calidade formalmente establecidos e publicamente dispoñibles.
De acordo ao anterior, a Aneca en colaboración coa Acsug desenvolveu o Programa FIDES-AUDIT dirixido aos centros universitarios para orientar o deseño do SGIC que integre as actividades que ata agora viñeron desenvolvéndose relacionadas coa garantía de calidade das ensinanzas. Aínda que estas orientacións están dirixidas aos centros, existen elementos transversais para o conxunto da Universidade (por exemplo, no referido ao persoal académico ou aos recursos materiais e servizos).
O sistema está baseado na documentación marco elaborada pola Vicerreitoría de Calidade e Planificación que, personalizada para cada centro atendendo ás súas peculiaridades, garante o cumprimento dos requisitos previstos no RD 1393/2007 e na normativa da USC para a implantación dos novos títulos de grao e máster.
O lema ‘coñecemento ao servizo da sociedade’ co que a USC define a súa misión reflicte de maneira clara e inequívoca o seu compromiso social. Deste xeito, a USC asume a súa responsabilidade perante a sociedade comprometéndose coa calidade na docencia, na investigación e nos servizos que presta. “Calidade, modernidade, intelixencia da organización e diálogo son as bases nas que descansa o noso modelo de universidade responsable”, afirman os responsables de Calidade da institución compostelá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2009.