Ir o contido principal

The Conversation achégalle ao persoal investigador da USC as claves para divulgar mellor os seus coñecementos

Un momento do curso de The Conversation, que se desenvolveu na Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite
Un momento do curso de The Conversation, que se desenvolveu na Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite
Ofreceu un curso intensivo para acceder á plataforma e comezar a publicar artigos divulgativos sobre investigacións e comprobar o impacto que logran na sociedade

A web The Conversation é unha plataforma editorial internacional sen ánimo de lucro que conta cun equipo de xornalistas con especialización en divulgación da ciencia e da tecnoloxía e que pon a disposición dos medios de comunicación e da sociedade artigos divulgativos e de análise escritos pola comunidade académica e investigadora.

Esta plataforma axuda a comunidade investigadora a dar o salto de escribir artigos científicos ou papers nos que se expoñen os resultados de investigacións de maneira metódica e técnica, e a comunicar a ciencia ao público xeral, un apoio importante para acadar a democratización do coñecemento.

A USC conta co apoio e a colaboración de The Conversation e nese marco desenvolveuse este venres 25 de outubro un curso intensivo dirixido ao persoal investigador e docente para achegarlle os coñecementos e ferramentas prácticas necesarios para acceder á plataforma e comezar a publicar artigos divulgativos sobre as súas propias investigacións e comprobar o impacto que poden chegar a ter na sociedade.

Dentro deste curso, explicouse o funcionamento da plataforma e realizouse un obradoiro práctico sobre como escribir un artigo de divulgación con gancho, achegando propostas sobre a forma de titular e etiquetar os textos para publicar na rede, abordouse a orde na que se deben presentar os contidos nos textos de divulgación en contraste cos artigos científicos, como escoller temas de interese e finalmente traballo con propostas de artigo.

Parte do público asistente ao evento. FOTO: Santi Alvite
Parte do público asistente ao evento. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2024.