Convocada a décima edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis

A bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis chega á súa décima edición cunha dotación de 6.000 euros. A Facultade de Ciencias da Comunicación acolleu este xoves 27 a presentación da convocatoria impulsada dende o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A bolsa está destinada a promover proxectos xornalísticos de persoas tituladas en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, e conta coa colaboración da propia Facultade. A recepción de propostas está aberta ata o 31 de xullo de 2025.
O acto de presentación abriuno a vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Alba Silva Rodríguez, quen lembrou a memoria do xornalista e profesor Nacho Mirás e o seu espírito de compromiso co xornalismo. Dende o decanato queren agradecer que un ano máis, e xa van dez, o Colexio siga a convocar esta bolsa, “unha oportunidade para os e as xornalistas noveis”. Belén Regueira Leal, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, lembrou, pola súa parte, que "a Bolsa Nacho Mirás leva dez edicións apoiando os primeiros pasos profesionais dos novos e novas xornalistas do país", pero que, ademais diso, "esta iniciativa que leva o nome dun periodista inconformista e 'rabudo' tamén é un impulso para as novas ideas que necesitamos con urxencia no xornalismo do presente e que serán semente do xornalismo do futuro".
Bases
Poderán concorrer a esta convocatoria persoas tituladas nos últimos cinco anos (2025, 2024, 2023, 2022 ou 2021) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con orixinais novos ou iniciados como máximo un ano antes desta convocatoria. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación, e tamén poderán presentarse proxectos xurdidos de Traballos de Fin de Grao ou Fin de Mestrado. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.
As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas [at] xornalistas.gal (xornalistas[at]xornalistas[dot]gal) a documentación que se especifica nas bases da convocatoria. Valoraranse todas aquelas características que o xurado considere que poidan destacar para un proxecto xornalístico, tendo en conta tamén a orixinalidade, que poida supor unha solución profesional e teña viabilidade futuro, a calidade do proxecto, o seu impacto social, que se materialice en galego e pertencer ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
O xurado que avaliará os traballos presentados estará formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Belén Regueira, Xoán Soler e Fernando Varela. O ditame do xurado darase a coñecer nas semanas seguintes á data límite de recepción de propostas.
A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos xornalistas noveis, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles e elas, para que atopen o seu camiño profesional. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020), A Cousa e Zoom na Bagatela (2021), Notas á marxe (2022), Quen son elas? (2023), e A Vozes, cultura zeta e (Des)facendo Galicia (2024). A bolsa conta co patrocinio de Abanca.