Convocadas as eleccións de representantes do estudantado nas Xuntas de Centro, que serán o 26 de novembro
A elección de representantes do estudantado de grao e mestrado nas Xuntas de Centro desenvolverase o vindeiro 26 de novembro, mediante voto electrónico en horario de 9.00 a 18.00 horas, tal e como acordou este xoves a Comisión Electoral Central (CEC).
Serán electores e elixibles as persoas censadas no sector de estudantes, que poderán comprobar a súa correcta inclusión no censo ben presencialmente na Reitoría en Compostela ou na Vicerreitoría de Organización Académica do Campus de Lugo así como nos lugares habilitados para estes efectos nos centros, ou ben de xeito individualizado na aplicación electoral, a través da que se deberán facer todos os trámites relacionados con este proceso.
Ata o día 22 de outubro poden formalizarse as reclamacións ante a Secretaría Xeral contra o censo provisional, e unha vez publicados ábrese un novo prazo para reclamar, do 23 ao 25 de outubro, ante a CEC. A publicación do censo definitivo terá lugar o día 28 deste mes.
Xa do 9 ao 18 de novembro abre o prazo de presentación de candidaturas, e queda establecida a campaña electoral entre o 15 e o 22 dese mes. A proclamación definitiva de persoas electas coñecerase o 3 de decembro.