Convocado o XXVIII Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico ‘Álvaro Cunqueiro’

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolleu este mércores a presentación dunha nova edición do Premio de Xornalismo Gastronómico ‘Álvaro Cunqueiro’, convocado polo Concello de Lalín en colaboración coas facultades de comunicación das tres universidades galegas co obxectivo de promover a difusión da nosa gastronomía. O acto contou coa presenza do decano do centro, Xosé Ramón Pousa, a vicedecana Alba Silva , o alcalde de Lalín, José Crespo, e o concelleiro Avelino Souto.
O alcalde Xosé Crespo explicou as principais novidades da convocatoria de 2021, que mantén a dotación e a distribución por categorías, pero limita o número total de premios de maneira que só haberá un galardón en cada modalidade. Así, a primeira categoría recoñecerá cun premio de 4.000 euros o mellor traballo xornalístico sobre a cociña galega en particular, e sobre a gastronomía en xeral, comunicado ao longo dos dous últimos anos. Nesta modalidade poderán concorrer os escritos e traballos gráficos publicados en medios impresos e os emitidos en radios e televisións, así como os libros, investigacións e publicacións sobre gastronomía e as páxinas web con contidos dedicados a esta temática.
Ademais, o XXVIII Premio de Xornalismo Gastronómico ‘Álvaro Cunqueiro’ distinguirá cunha dotación de 1.000 euros o mellor traballo académico para prensa, radio, televisión ou web elaborado por estudantes en Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual, co fin de potenciar os novos valores da profesión xornalística.
En nome da Facultade de Ciencias da Comunicación, o decano Xosé Ramón Pousa agradeceu a escolla do centro para a presentación deste premio especializado en materia gastronómica, que recibe o seu nome dunha figura referencial, e que constitúe un dos máis lonxevos e de maior dotación do panorama xornalístico. O decano manifestou a súa satisfacción polo mantemento da categoría destinada a traballos académicos, na que xa concorreron con éxito estudantes da facultade en anteriores edicións o que “demostra que no propio centro hai unha vocación porque as prácticas do alumnado poidan nutrir un certame desta altura”.
O prazo de presentación dos traballos para ambas modalidades permanecerá aberto do xoves 23 de decembro ao 25 de xaneiro. O xurado do premio, formado por xornalistas de medios de comunicación de Galicia e representantes das institucións colaboradoras, seleccionará os mellores traballos atendendo á súa calidade xornalística e á súa difusión e considerará como mérito engadido a súa referencia ao Cocido de Lalín.
Tal e como indicou o alcalde José Crespo, a celebración do acto de entrega destes premios, que tradicionalmente se fai coincidir coa Feira do Cocido de Lalín, estará este ano supeditada á evolución da pandemia.
