O creador da Asociación 'Itinera', Carlos Martínez Uzal, recibiu o III Premio Humanitas
O presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira, e o presidente da Asociación de Antigo Alumnos e Amigos da USC (AAAAUSC), Perfecto Yebra Martul-Ortega, entregáronlle este luns, día 22, o III Premio Humanitas a Carlos Martínez Uzal, colaborador da Oficina de Voluntariado da universidade compostelá e creador da Asociación ‘Itinera’, entidade que ten como obxectivo prestar apoio ás persoas que sofren trastornos mentais severos e persistentes na comunidade.
A entrega do Premio Humanitas celebrouse no Salón de Planos do Consello Social coa asistencia ademais do vicerreitor de Cultura, Elías J. Torres, quen destacou o interese social do traballo desenvolvido por Carlos Martínez, “un traballo de voluntariado meritorio que contribúe a que a Universidade e a mesma cidade sexa máis solidaria”. En nome da AAAAUSC, Perfecto Yebra animou ao premiado a proseguir o seu labor social “necesario para a mellora da sociedade”.
Pola súa banda, Manuel Puga destacou que o Premio Humanitas axuda á xustificación social da Universidade, e neste senso fixo un chamamento a “facer da solidariedade un feito e non só un concepto”. Carlos Martínez Uzal recibiu a Insignia de Prata da AAAAUSC, de mans de Perfecto Yebra; un diploma acreditativo entregado por Elías J. Torres, e o premio en metálico de 2.000 euros do que lle fixo entrega o presidente do Consello Social.
Cuarta edición do PremioO premio Humanitas convócano o Consello Social da institución docente compostelá e a AAAAUSC co obxecto de galardoar aquela actividade que se distinga polas súas cualidades humanas a través da dedicación e implicación en actividades solidarias, sociais e humanitarias. Na mesma sesión, os asistentes presentaron un nova convocatoria do Premio Humanitas, que neste curso alcanza a súa cuarta edición.
As persoas interesadas deberán presentar unha memoria detallada do seu proxecto, de entre 5 e 50 páxinas, así como o aval de dúas persoas que ben pertenzan ao Consello Social, á AAAAUSC ou ao Consello de Goberno da institución académica compostelá.