Ir o contido principal

O creador do concepto de pegada ecolóxica visita a USC

Mathis Wackernagel nun momento da súa intervención
Mathis Wackernagel nun momento da súa intervención
Mathis Wackernagel, presidente de Global Footprint Network, ofrecerá este xoves un relatorio na ETSE

O grupo de investigación de Enxeñaría e xestión de procesos e produtos sostibles que coordina Enrique Roca trouxo este xoves 23 a Santiago ao profesor Mathis Wackernagel, creador xunto con William Rees do concepto de pegada ecolóxica, un indicador de sustentabilidade que representa os custes ecolóxicos dun determinado modo de vida. Logo de ser recibido polo reitor Juan Casares, Wackernagel impartiu na Escola Técnica Superior de Enxeñaría o relatorio ‘Máis alá do carbón: como ter éxito nun mundo de recursos limitados. Unha perspectiva da pegada ecolóxica para as empresas’, organizado en colaboración co Plan de Desenvolvemento Sostible da USC. Wackernagel, na actualidade presidente da Global Footprint Network, traballou en temas de sustentabilidade para axencias gobernamentais, ONGs e empresas de todos os continentes. Entre os premios acadados figuran o 2011 Zayed International Prize for the Environment, o 2007 Skoll Award for Soxial Entrepreneurship, o 2006 WWF Award for Conservation Merit e o 2005 Herman Daly Award of US Society for Ecological Economics. Lectura de tese O profesor Wackernagel formará parte este venres 24 do tribunal da tese de doutoramento ’D esenvolvemento e integración de ferramentas de avaliación ambiental para o ecodeseño de procesos e produtos’ que a investigadora da USC Marta Herva defenderá para optar ao grao de doutor na modalidade de Doutoramento Europeo. O traballo ten dous obxectivos principais como son o desenvolvemento de ferramentas de avaliación ambiental simplificadas e adaptadas para a súa aplicación sistemática en sistemas produtivos e a aplicación de metodoloxías de integración que permitan aplicar estas ferramentas de forma conxunta ao ecodeseño de procesos e produtos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.06.2011.