Ir o contido principal

A cultura como un ben común, a debate este xoves no Máster en Servizos Culturais na Facultade de Humanidades

Cartaz da Aula Aberta do CulturaLab do Máster en Servizos Cultural da USC
Cartaz da Aula Aberta do CulturaLab do Máster en Servizos Cultural da USC

A cultura como ben común centrará este xoves, a partir das 17.00 horas, a segunda sesión de debate no marco da Aula Aberta do CulturaLab, un espazo experimental do Máster en Servizos Culturais da USC que se desenvolverá na aula 14 da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, onde se mostrarán e analizarán algúns proxectos concretos relacionados coa cultura como ben común.

A temática desta sesión, que estará guiada polo coordinador do CulturaLab, Fran Quiroga, abordará a necesidade de situar a cultura como un común, ao tempo que permitirá abrir un debate sobre como os comúns rachan coa visión dicotómica da cultura producida polo mercado ou daquela que vén dada polas propias administracións. Analizar o papel da cultura comunitaria ou a cultura como ben común supón un acontecemento en tanto abre múltiples vías para a expresión cultural da cidadanía. Daquela, comprender a cultura como un ben común supón reivindicar a autonomía e a capacidade do facer da propia cidadanía, salienta Quiroga, quen tamén coordina o proxecto Montenoso. O CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC configúrase como un espazo de aprendizaxe expandida, un laboratorio experimental para a investigación e a acción arredor da cultura. Un programa que nesta segunda edición conta co apoio do campUSCulturae, unha aposta da Universidade de Santiago de Compostela a prol das culturas do mundo, do entendemento multicultural e do fomento da diversidade e o pluralismo que recibe financiamento económico da Comisión Europea.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2016.