O curso de Habilidades comunicativas abordará a redacción científica, falar en público e as presentacións dixitais eficientes

A USC lanza unha nova edición do seu curso de Habilidades comunicativas, unha actividade formativa telepresencial que se desenvolverá quenda de tarde e que se atopa estruturada en tres módulos que poden cursarse de xeito independente. Cada un dos módulos consta de 25 horas e será recoñecido con 1 ECTS por competencias transversais (lingua) para todas as titulacións. O curso, impartido por medio de teledocencia na plataforma corporativa Teams , terá lugar ao longo deste primeiro cuadrimestre do curso 2023-24 e está aberto a estudantes de calquera dos dous campus.
A redacción científica (módulo 1)
O obxectivo deste módulo é mellorar a competencia escrita, diríxese sobre todo ás persoas que se atopan no proceso de redacción dun documento científico: artigo, traballo académico de curso, traballo de fin de grao, traballo de fin de máster, proxecto de fin de carreira ou tese de doutoramento. O prazo de matrícula remata este venres, 10 de outubro.
Falar en público (módulo 2)
O estudantado da Universidade, ademais de contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos, tamén deben ter desenvolvidas as destrezas relacionadas coa comunicación oral. Neste sentido, entendemos que na actualidade o mercado laboral esixe un alto dominio das capacidades de comunicación, e que estas son un elemento fundamental para enfrontarse ao ámbito formal e tamén laboral. Así este modulo formará nas ferramentas precisas para abordar a defensa oral dun traballo científico ou académico, a exposición dun relatorio nun congreso, ou a presentación dun proxecto perante unha administración ou unha empresa, entre outros. A matrícula estará aberta do 28 ao 31 de outubro.
Presentacións dixitais eficientes (módulo 3)
As presentacións son cada vez unha ferramenta máis común na vida do estudantado universitario, “pero por desgraza é frecuente ver pantallas que, nacidas para o apoio ao discurso oral, son atrancos para a transmisión do coñecemento”, explican dende Normalización Lingüística. Demasiado texto con letra moi pequena, cores que non se ven, ou transicións efectistas de máis son algunhas das características de moitas das presentacións das aulas universitarias. Preténdese que, nun mundo onde priman cada vez máis os recursos visuais, o estudantado universitario saiba onde están as bases para crear presentacións con calidade e para lograr o efecto desexado: transmitir mellor o coñecemento científico. A matrícula poderá formalizarse do 25 ao 28 de novembro.