Ir o contido principal

Un curso de verán na ETSE dará en setembro as claves para o autoabastecemento enerxético

UNIVERSIDADE DE VERÁN

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría acollerá entre os días 12 e 15 de setembro o curso de verán ‘Cara ao autoabastecemento enerxético: microxeración distribuída de enerxías térmica e eléctrica’, dirixido polos profesores Manuel Bao Iglesias e Pastora M. Bello Bugallo. O curso, organizado pola Aula de Enerxías Renovables, tratará de amosar as diferentes tecnoloxías dispoñibles para a xeración enerxética a pequena escala. O programa comezará cunha introdución sobre a microxeración no contexto actual e as Comunidades en Transición. Proseguirase falando de arquitectura bioclimática e aproveitamento da enerxía solar. Na segunda xornada profundarase na integración enerxética, os motores para micro-coxeración e as pilas de combustible, mentres que na terceira falarase da obtención de enerxía por codixestión de residuos, ademais da enerxía eólica, xeotérmica e daquela procedente das correntes hídricas.

Para concluír, na última sesión faranse dúas visitas técnicas, unha para observar un exemplo de integración enerxética na industria e outra a unha plantación de biomasa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.07.2011.