Un curso de verán en Santiago repasa os 50 anos de seguridade social comunitaria
A Escola Universitaria de Relacións Laborais acollerá entre o 14 e o 18 de xullo o curso de verán ‘50 anos de seguridade social comunitaria’ que dirixe o profesor José María Miranda Boto.
No curso achegaranse nocións da regulación comunitaria da Seguridade social así como das regras de acumulación de cotizacións e de exportación das prestacións. Ademais de comprender a importancia da Seguridade social comunitaria en Galicia, analizaranse as diferenzas entre os réximes das distintas prestacións recollidas no Regulamento 1408/17.
Ao longo de cinco días expertos das Universidades de Santiago, Vigo, Rey Juan Carlos, Sevilla, Cantabria, Granada, Oviedo e Complutense, así como letrados do Tribunal Supremo, debaterán sobre todo o concernente á regulación da Seguridade Social no ámbito comunitario.
Deste xeito, analizaranse cuestións como as fontes e principios de aplicación, xubilación e viuvez, prestacións familiares, invalidez e accidentes de traballo, enfermidade e maternidade, asistencia sanitaria, prestacións non contributivas, desemprego, a coordinación da previsión social voluntaria ou protección da dependencia, entre outras.