Ir o contido principal

Debates, humor e música en directo na segunda edición de Mover os Marcos

A vicerreitora Pilar Murias (no centro, de vermello) xunto co resto de participantes na presentación. Foto: Santi Alvite
A vicerreitora Pilar Murias (no centro, de vermello) xunto co resto de participantes na presentación. Foto: Santi Alvite
A segunda edición do proxecto achégase á mocidade a través de novos formatos e escenarios como o Auditorio de Ciencias da Comunicación ou a Igrexa da Universidade

Santiago acollerá do 1 ao 4 de outubro unha nova edición de ‘Mover os Marcos’, con conversas, música e espectáculos en directo, concertos falados, humor e cuestionamento social. A situación da lingua, o discurso ecoloxista, as identidades ou a vivenda serán algunhas das temáticas destas xornadas de encontro xeracional nas que colabora a USC. A oferta complementarase con propostas culturais que inclúen break dance, podcast en vivo, presentacións pechacucha e concertos de bandas galegas emerxentes.

O programa presentouse este venres na Igrexa da Universidade nun acto no que participou a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, que destacou da iniciativa que “apela á comunidade universitaria, ao seu estudantado, nunha reflexión importante a través da cultura”. Murias subliñou igualmente a importancia da confluencia de varias institucións arredor deste proxecto “que permitirá mover os marcos”.

Experiencia pioneira de diálogo colectivo


Nado en 2024 como un espazo para cuestionar o establecido e dar protagonismo ás voces emerxentes da Galiza, Mover os Marcos presentouse como unha experiencia pioneira de diálogo colectivo. Baixo o lema ‘Festival para unha vida mellor’, esta edición non busca só falar de temas illados, senón abrir un espazo de reflexión sobre as tensións que marcan a mocidade de hoxe: a vivenda, o medio, as identidades ou os dereitos.

Do 1 ao 3 de outubro, o Auditorio de Ciencias da Comunicación converterase nunha aula aberta onde a comunidade universitaria e o público xeral están convidados a participar en tres xornadas de conversas. O día 1 abrirase coa mesa Proxectos para vivir en galego, que contará con voces como Carlos Callón, Alberto Pombo e Noemí  García. O 2 será a quenda de Medio e ecoloxía: coidar do noso, cun diálogo impulsado por ADEGA e no que participarán creadoras de contido como blondiemuser e activistas como Rogelio Sánchez. O ciclo pecharase o 3 de outubro con Vivir na Galicia dos anos 20, unha sesión que abordará cuestións de actualidade como os dereitos LGTBI (Daniela Ferrández), a vivenda (Plataforma Vivenda Xa) e a inmigración (Barry Elhadj Mamadou, de Guinea Conakry).

Pola súa banda, a Igrexa da Universidade acollerá os concertos falados desta edición, cos que a USC iniciará a programación do seu Outono Cultural. O 1 de outubro, ás 21:00 horas, o público poderá coñecer de preto a traxectoria de Hugo Guezeta, nunha sesión conducida por Rodri Míguez. O 2 de outubro, tamén ás 21:00 horas, será a quenda de Alana, que combinará conversa e música en vivo para amosar o seu universo creativo.

O sábado 4 de outubro a actividade trasládase á Casa das Máquinas. Alí combinaranse diferentes propostas que van desde o break dance da Vella Escola ata as presentacións pechacucha de proxectos creativos como a Revista Rebelico, Orgullo Galego, Horta Creativa ou O Tinglao de Carnota. A xornada incluirá tamén o podcast en directo Prendídisima, a enerxía do Colectivo do Flow e os concertos de Leria e Tiam GZ.

Todas as actividades de Mover os Marcos 2025 son de balde e sen reserva ata completar aforo. O proxecto está promovido pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela e xestionado por Culturactiva S. Coop. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2025.