Defensa das tres primeiras teses de membros do IPsiUS

Mecanismos de modulación da dor en pacientes con dor crónica: caracterización e efecto da estimulación eléctrica transcranial, de Antonio Gil Ugidos, do Grupo de investigación Calidade de vida e enfermidades crónicas: estratexias de análise e intervención desde unha perspectiva interdisciplinar, no marco do Programa de doutoramento en neurociencia e psicoloxía clínica.
Esta tese trata de validar un biomarcador para facilitar o diagnóstico mediante procedementos psicofísicos, e ademais de propoñer unha alternativa terapéutica á intervención farmacolóxica, concretamente usando estimulación eléctrica transcranial, unha técnica de vangarda que permite modular a actividade cerebral de xeito indoloro, seguro e sen efectos secundarios de importancia.
Correlatos neurais e condutuais do procesamento da concordancia do xénero gramatical en palabras emocionais, de Lucía Vieitez Portas, do Grupo de investigación Procesos cognitivos e conduta, no programa de doutoramento en procesos psicolóxicos e comportamento social.
O propósito da tese foi levar a cabo unha investigación exhaustiva dos correlatos neurais e condutuais da interacción entre gramática e emoción. Os seus achados desafían a noción dun procesador sintáctico universal estritamente modular e destacan a importancia de considerar a influencia que determinadas variables, como a clase (arbitratio-natural) e tipo (femenino-masculino) de xénero, poden exercer na interacción entre a gramática e a emoción en futuras investigacións.
Apoyo social percibido, autorregulación motivacional y rendimiento académico e adolescentes, de Eva Villar García, que fai parte do Grupo de investigación Unidade de investigación das condutas de risco e os trastornos no desenvolvemento, inserida no Programa de doutoramento de Desenvolvemento psicolóxico, aprendizaxe e saúde.
Esta tese analiza o impacto da autorregulación da aprendizaxe e do apoio social percibido (ASP) no rendemento académico mediante varios estudos, que confirman, entre outros resultados, que o ASP favorece o desenvolvemento de estratexias de aprendizaxe e que estas, á súa vez, median a súa relación co éxito académico.