Ir o contido principal

As defensas, as temperaturas extremas e novos mapas para viaxar pola literatura centran a Nerd Nite de marzo

Cartel da Nerd Nite 2023
Cartel da Nerd Nite 2023
Iria Gómez Touriño, investigadora do CiMUS; Dominic Royé, investigador da Fundación para a Investigación do Clima; e Ana Bustelo Vega, doutoranda na Facultade de Filoloxía serán os relatores da sesión do vindeiro 29 de marzo
Santiago de Compostela

A vindeira Nerd Nite desenvolverase o mércores, 29 de marzo, a partir das 20.30 horas, no Café-Bar Alborada de Veiga (praza Pascual Veiga, 4). Iria Gómez Touriño, investigadora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e profesora do departamento de Bioquímica e Bioloxía molecular; Dominic Royé, investigador da Fundación para a Investigación do Clima; e Ana Bustelo Vega, que está a desenvolver o seu doutoramento na Facultade de Filoloxía, serán os relatores da sesión correspondente ao mes de marzo.

Iria Gómez Touriño pronunciará o relatorio 'Explorando o lado escuro da forza (inmunitaria): cando as defensas se volven contra nós'. Gómez Touriño está a desenvolver na actualidade unha nova liña de investigación que supón un cambio de paradigma na abordaxe da diabetes tipo 1. Este traballo é posible grazas á Juvenile Diabetes Research Foundation (JDRF) de Estados Unidos a través da concesión a Iria Gómez Touriño dunha das axudas máis competitivas a nivel internacional neste campo. 

'A calor mata, e o frío tamén' é o título da intervención do que fora profesor da USC e, na actualidade, investigador da Fundación para a Investigación do Clima, Dominic Royé, quen xa en 2021 participou no meirande estudo internacional ata a data sobre a contribución real do cambio climático ao incremento dos riscos de mortalidade a partir de datos de 732 cidades en 43 países de todo o mundo. En 2022, participou nun estudo no que se analizaron 32 millóns de mortes cardiovasculares a través de catro décadas. O estudo concluíu que as temperaturas extremas, tanto por frío como por calor, incrementaron o risco de morte entre as persoas con este tipo de patoloxías.

Vinculada ao grupo de investigación Teoría da literatura e literatura comparada, a doutoranda da Facultade de Filoloxía da USC, Ana Bustelo Vega, pechará a serie de relatorios profundando no eido literario a través do charla titulada 'Novos mapas para transitar pola literatura'.

Ton distendido

As Nerd Nites comenzaron a ter lugar en Boston en 2003 e, na actualidade, celébranse en máis de 100 cidades de todo o mundo. Trátase de charlas científicas onde especialistas dialogan co público das disciplinas que lles apaixonan fóra do ámbito académico, nun ton distendido e en horario nocturno. Compostela foi a primeira cidade española en adherirse ao programa no ano 2012, baixo a coordinación do catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira Pérez.

Nerd Nite non é un organismo oficial, trátase dunha plataforma á que calquera colectivo, universidade, escola ou asociación pode adherirse cumprindo uns poucos requisitos básicos, cun ‘boss’ responsable que se encarga da coordinación local, da selección dos e das nerds e dos temas a tratar.

Cartel da sesión de marzo
Cartel da sesión de marzo
Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2023.