Ir o contido principal

Unha delegación universitaria xaponesa visita a Facultade de Humanidades de Lugo co programa Vía Láctea

Facultade de Humanidades do campus de Lugo
Facultade de Humanidades do campus de Lugo
Este proxecto intercontinental financiado pola UE traerá 20 estudantes nipóns e permitirá que 10 de Lugo estuden en Xapón

Unha delegación de estudantes e profesores das universidades xaponesas de Kanazawa e Aichi Prefectural visitarán a próxima semana a Facultade de Humanidades do campus de Lugo no marco do proxecto de cooperación Vía Láctea, mediante o que se fan posibles intercambios e enlaces académicos internacionais a través de lazos culturais entre Europa e Asia.

O programa Vía Láctea 2014-2017, financiado a través dunha convocatoria europea da Axencia Executiva da Educación e Cultura Audiovisual (Eaecea), ten como enfoque os estudos culturais a partir do irmandamento do Camiño de Santiago co Kumano Kodo de Xapón, ambos patrimonio da humanidade, e inclúe a mobilidade de estudantes, PDI e PAS entre as universidades participantes.

A aprobación por parte da Axencia Executiva da Educación e Cultura Audiovisual da proposta presentada pola Facultade de Humanidades de Lugo en colaboración coa Oficina de Relacións Exteriores da USC realizouse no marco dunha convocatoria europea que rexistrou 45 solicitudes de universidades europeas, das que solo 9 recibiron o visto e bo e a conseguinte financiamento. Esta achega económica contempla a concesión de bolsas por un importe de 6.500 euros para sufragar a estadía de estudantes europeos durante un período de catro meses en Xapón. Na actual edición, participarán no programa Vía Láctea tres estudantes da USC, que teñen previsto comezar a súa estadía de catro meses en Xapón ao longo do mes de abril, así como outros tres universitarios/as da Universidade de Minho. Este proxecto de mobilidade universitaria entre Europa e Asia tamén permitirá este curso que tres estudantes de cada unha das dúas universidades niponas asociadas cursen parte deste segundo cuadrimestre na Facultade de Humanidades e a outra parte no Instituto de Letras e Ciências Humanas da Universidade de Minho. Os seis primeiros estudantes xaponeses beneficiarios do programa Vía Láctea, que virán acompañados, entre outros, de catro profesores, comezarán a súa actividade académica no campus de Lugo a partir do próximo 18 de febreiro. A profesora JoDe Anderson adiantou que as prazas de mobilidade interuniversitaria de estudantes a través do Vía Láctea serán catro por universidade para o curso 2015-16, mentres que para o ano seguinte se reducirán a tres. Daquela, unha vez que remate o desenvolvemento deste programa 40 estudantes (dez de cada universidade asociada) poderán ter realizado un cuadrimestre de estudos no estranxeiro. A coordinadora académica do proxecto Vía Láctea na Facultade de Humanidades da USC, a profesora JoDee Anderson, precisa que este programa de intercambio no marco do proxecto Vía Láctea ten unha duración dun cadrimestre e baséase en aspectos culturais comúns relacionados coas rutas xacobeas que percorren España e Portugal e do Camiño de Kumano. A implicación do centro universitario lugués neste programa responde asemade a que a súa oferta académica humanística e multidisciplinar resulta acaída coa das dúas universidades xaponesas tamén asociadas, dixo. A USC, a través da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, e a Universidade de kanazawa, de Xapón, son os centros coordinadores deste programa Vía Láctea, pero na realidade os estudantes participantes neste programa de mobilidade bidireccional terán dous destinos posibles en Xapón (kanazawa University e Aichi Prefectual University) e outros dous en Europa, como o son a Facultade de Humanidades da USC e o Instituto de Letras e Ciências Humanas da Universidade de Minho (Braga, Portugal). Profesorado Os catro profesores xaponeses que recalarán a próxima semana no campus universitario de Lugo terán tamén unha participación activa e ofrecerán diversos relatorios sobre temáticas relacionadas coas súas respectivas áreas de investigación. O profesor da Kanazawa University Akira Ota ofrecerá o 19 de febreiro no salón de graos da Facultade de Humanidades de Lugo un relatorio no que abordará o contraste de dúas linguas, como o son o español e o xaponés. O seu colega docente na mesa universidade Ulara Tamura tamén disertará o mesmo día no centro universitario lugués sobre as alfombras turcas como símbolo da artesanía tradicional étnica na era da globalización.

Xa en marzo, os xeógrafos e profesores na universidade Aichi Prefectual de Xapón Shigeru Nukahima e Katsuyuki Takenana, presentarán na Facultade de Humanidades unha aproximación xeográfica á cidade xaponesa, así como da cidade de fluxos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2015.