Ir o contido principal

O Departamento de Filoloxía Galega homenaxeou ao catedrático Antón Santamarina

O salón de actos da Facultade encheuse con compañeiros e amigos que quixeron acompañar ao catedrático nesta homenaxe
O salón de actos da Facultade encheuse con compañeiros e amigos que quixeron acompañar ao catedrático nesta homenaxe
O libro Cada palabra pesaba, cada palabra medía. Homenaxe a Antón Santamarina presentouse na USC

Co libro Cada palabra pesaba, cada palabra medía. Homenaxe a Antón Santamarina o Departamento de Filoloxía Galega da USC quere recoñecer a traxectoria académica do catedrático de Filoloxía Románica, responsable de moitos dos máis importantes logros de lingüística galega dos últimos corenta anos.
O volume, editado polo Servizo de Publicacións da USC, presentouse este xoves na Facultade de Filoloxía nun concorrido acto de homenaxe presidido polo vicerreitor de Cultura, Elías Torres, e no que interviñeron tamén os editores do volume, Mercedes Brea, Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Regueira, así como o decano de Filoloxía, Ernesto González, e o propio Antón Santamarina. Recóllense nel preto de cincuenta traballos de lingüística e de filoloxía elaborados por compañeiros do catedrático.
Antón SantamarinaAntón Santamarina Fernández (A Fonsagrada, 1942) dirixiu o Instituto de Lingua Galega desde 1990 ata 2004, foi vicepresidente do Consello da Cultura Galega do 1992 a 1997 e é membro numerario da Real Academia Galega desde 1998. Foi ademais un dos fundadores da revista Verba, que tivo un papel fundamental no recoñecemento da lingua galega entre os lingüistas de fóra de Galicia.
Santamarina, columna vertebral da estandarización e da normalización do galego nestas últimas décadas, foi referente fundamental na codificación do galego moderno participando en diferentes comisións que nos últimos trinta anos traballaron sobre a norma ortográfica e morfolóxica da nosa lingua. Foi ademais co redactor do Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa), onde están os alicerces da práctica totalidade das entradas dos dicionarios e dos vocabularios temáticos editados desde finais dos 80 á actualidade.
No seu labor investigador no eido do galego hai traballos pioneiros sobre o verbo, o adverbio, a gheada, a norma e o estándar, xunto con moi diversas publicacións historiográficas, en especial sobre as gramáticas e os dicionarios. Os traballos de Antón Santamarina son tamén importantes igualmente no eido da recollida e estudo da música tradicional galega (coautor do Cancioneiro popular galego publicado pola Fundación Barrié) e do restablecemento da toponimia galega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2008.