Deporte universitario, unha experiencia que conxuga a extraordinaria convivencia cun alto nivel competitivo

Os XXV Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos, unha cita que congregou durante dúa xornadas na capital luguesa preto de 600 estudantes das tres universidades galegas, constataron o deporte como “unha experiencia capaz de conxugar unha extraordinaria convivencia cun alto nivel competitivo”, tal e como salientou o reitor da USC, Antonio López, na sesión de entrega de trofeos celebrada na Facultade de Veterinaria.
Acompañado dos reitor da UDC, Julio Abalde, e da vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, Susana Reboreda, ademais dunha ampla representación institucional do Concello de Lugo, Deputación Provincial de Lugo e da Xunta de Galicia, Antonio López, reiterou a actividade deportiva como “un complemento necesario da vida universitaria”, ao tempo que reiterou a forte aposta feita pola USC para ofrecer ao seu estudantado oportunidades para continuar coas disciplinas deportivas nas que estaban enrolados antes de comezar a súa andaina universitaria ou para iniciarse en novas modalidades.
O gran apoio institucional, tanto das administracións públicas como dos propios clubes e federacións deportivas, resulta fundamental para o éxito desta aposta polo deporte universitario, dixo Antonio López, para logo reiterar o seu agradecemento ao concelleiro da Área de Xuventude do Concello de Lugo, Mauricio Repetto; do deputado provincial Pablo Rivera; do Xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero, e da delegada de Cultura da Xunta en Lugo, Ana Mel, así como ao vicepresidente vicepresidente da Unión de Federacións Deportivas Galegas, Bruno López Molina, tamén presente na sesión.
López trasladou tamén os seus parabéns aos propios estudantes universtiarios, aos que, alén dos éxitos deportivos colleitados nesta cita, felicitou de xeito explícito pola súa capacidade para fomar e integrarse en equipos nos que teñen cabida deportistas de alto nivel, deportistas federados e afeccionados, o que “implica unha gran capacidade de adaptación”, dixo. O reitor da USC tamén lembrou na súa intervención previa á entrega de medallas dos gañadores da primeira xornada deste torneo a axuda recibida de empresas como Coca Cola e o Grupo Leche Río, ao tempo que eloxiou o traballo desenvolvido polo delegado para Deporte na USC, Javier Rico.
Balance de éxito
Os XXV Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos deixaron un balance exitoso para os deportistas da USC. De feito, os equipos de baloncesto, tanto na modalidade masculina como feminina, proclamáronse xa na primeira xornada campións autonómicos e conseguiron así a súa clasificación para o campionato nacional, unha cita que se desenvolverá en Segovia do 23 ao 26 de abril.
O equipo feminino de voleibol da USC, unha formación con fondo arraigo entre a comunidade universitaria do Campus de Lugo e no que militan algunhas xogadoras do Emevé, equipo que milita na Superliga feminina, tamén se proclamou campión universitario autonómico e representará a Galicia na cita nacional, que se desenvolverá do 24 ao 27 de abril en Valladolid.
Os éxitos deportivos da USC continuaron na xornada de clausura deste campionato, na que os equipos de rugbi e balonmán feminino venceron nas súas respectivas competicións, do mesmo xeito que o fixo o equipo masculino de fúbtol sala. Estes novos triunfos denotan o potencial do deporte feminino no seo da institución académica compostelá, ao tempo que converten a USC na gran vencedora desta edición dos campionatos galegos, segundo se puxo de manifesto na cerimonia de entrega de trofeos, un acto celebrado na Facultade de Veterinaria e no que participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o concelleiro de Xuventude do Concello de Lugo, Mauricio Repetto; o adxunto á Vicerreitoría de Organización Académica da USC, Antonio Álvarez, e o vicepresidente de Ufedega, Bruno López.
A clasificación final e os resultados dos enfrontamentos individuais entre os equipos das USC, UDC e UVigo que tomaron parte na vixésima quinta edición dos Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos e competiron en seis disciplinas deportivas diferentes: fútbol, fútbol sala, baloncesto, balonmano, rugbi e voleibol, na modalidade masculina e feminina, están accesibles en liña. Os campionatos de España, aos que a USC accederá con seis equipos, desenvolveranse entre os meses de abril e maio.




















