Ir o contido principal

Dereito manifesta o seu apoio ás mulleres afgás e iranianas que teñen prohibida a asistencia ás aulas

A Facultade de Dereito difundiu o comunicado este martes 4. FOTO: Santi Alvite
A Facultade de Dereito difundiu o comunicado este martes 4. FOTO: Santi Alvite
A Comisión de Igualdade desta Facultade da USC acaba de difundir un comunicado no que manifesta “o seu rotundo rexeitamento á represión que está levando a cabo o goberno talibán”
Santiago de Compostela

A Facultade de Dereito, a través da súa Comisión de Igualdade, acaba de difundir un comunicado no que manifesta “o seu rotundo rexeitamento á represión que está levando a cabo o goberno talibán de Afganistán privando ás mulleres e mozas do seu dereito fundamental á educación, ao prohibir o seu acceso tanto á universidade como ao ensino secundario”.

O documento pon o foco en que a ensinanza conforma “un dereito fundamental de todo ser humano, que é preciso para formarse como persoa e poder formar a outros”. Para que ese dereito se poida exercer “é necesaria a liberdade de ensinanza e de acceso aos lugares de formación, especialmente aos centros universitarios”, apuntan para despois engadir que “ese dereito corresponde á persoa sen que se poida establecer discriminación algunha por razón de sexo”.

Nesta liña, este centro da USC quere amosar a súa “solidariedade coas miles de mulleres e rapazas que ven atacada a súa liberdade e os seus dereitos universais máis básicos pola única condición de ser muller, das que son mostra especialmente avergoñante as persecucións dos réximes afgáns e iraniano”. O documento tamén subliña a súa “inquedanza polo futuro das profesoras, universitarias e mozas afgás, xunto coas que agora aínda son nenas, a pesar da permanente represión que están a sufrir, vista da persecución que sofren e sobre todo diante das tímidas condenas da comunidade universitaria e o silencio da comunidade internacional”. 

Finalmente, o centro ás autoridades universitarias e aos organismos nacionais, supranacionais e internacionais competentes para que “adopten medidas que contribúan á protección das mulleres afgás, garantindo os seus dereitos fundamentais universalmente aceptados, e, en particular, poidan seguir educándose e contribuíndo ao desenvolvemento do coñecemento”.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.04.2023.