Ir o contido principal

Directores e decanos de centros galegos nos que se imparte Relacións Laborais analizaron en Santiago a adaptación desta titulación ao EEES

Directores e decanos dos centros galegos nos que actualmente se imparten os estudos de Relacións Laborais reuníronse este venres 26 na Escola Universitaria de Santiago para analizar, entre outros asuntos, a actual situación destes estudos de cara á súa transformación a titulacións de grao adaptadas ás demandas do Espazo Europeo de Educación Superior.
No encontro, celebrado na Sala de Profesores da escola compostelá, tratouse ademais a creación dunha Comisión de Estudo do Grao en Relacións Laborais e dunha asociación de centros e profesores de titulacións relacionadas co ámbito laboral.
Á xuntanza acudiron os directores das escolas de Relacións Laborais de Ferrol, Moisés Alberto García; de Lugo, Mercedes Montes Rodríguez; da Coruña, Jesús Vázquez Forno; e de Santiago, Xavier Ferreira; ademais da profesora de Relacións Laborais da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo de Vigo, Fátima García, e a secretaria da Escola da Coruña, Cristina Faraldo.
Con esta primeira reunión preténdese fixar uns criterios comúns para todos os centros que imparten esta titulación en Galicia dende os que sexa posible abordar a importante transformación que supón a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, e en particular á do titulo de Grao. Ademais, o encontro serviu para afondar no camiño de colaboración iniciado coa aprobación do Programa Oficial de Posgrao en Xestión e Dirección Laboral.
Este tránsito cara un Espazo Europeo de Educación Superior obriga a unha reflexión arredor das importantes transformacións estruturais que, nun prazo non superior a tres anos, “teremos que abordar as Escolas de Relacións Laborais pasando de ser centros que imparten unha diplomatura de tres anos á tarefa de impartir un ano máis no título de Grao e dous anos máis no título de Posgrao o que supón duplicar a nosa carga docente”, engadiu o director do centro compostelán Xavier Ferreira Fernandez.
Neste senso, o profesor Ferreira indicou que o cambio vai supor, de acordo co proxecto da LOU actualmente en tramitación, a transformación das actuais Escolas en Facultades. A necesaria adaptación dos espazos físicos dos centros, a incorporación de novos profesores e o reforzamento da súas estruturas de xestión son, en opinión do director da escola compostelá, tarefas nas que cómpre a implicación total das respectivas universidades e da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2007.