Un documental e unha mesa de debate abordan este martes a casuística dos incendios forestais en Galicia en Humanidades

A análise da casuística dos incendios forestais en Galicia centrará este martes unha xornada de análise e debate no salón de actos da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, onde se proxectará, a partir das 16.00 horas, o documental ‘Queimar o monte’.
Unha vez rematada a visualización deste filme, producido por Uxía Buciños e Emilio Fonseca, terá lugar un debate sobre a temática dos incendios forestais no que intervirán como relatores o axente medioambiental José Vázquez Vázquez, o profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC Manuel Antonio Rodríguez Guitián e Miguel Pardellas Santiago, coordinador do proxecto Batefogo. Estas actividades de carácter informativo e tamén de sensibilización, organizadas polo grupo de innovación docente Ruralia en colaboración co Centro de Linguas Modernas da USC e a área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, son de entrada libre e gratuíta para todas as persoas interesadas.