Dúas alumnas do IES de Sar gañan o primeiro premio e o accésit do Concurso de ideas para o deseño da imaxe da campaña de matrícula 2011-2012 na USC
Dúas alumnas de segundo curso da modalidade de Bacharelato Artístico do IES de Sar son as gañadoras do ‘Concurso de ideas para o deseño da imaxe da campaña 2011-2012 da USC’. O primeiro premio, presentado por Nerea Vázquez Lameiro, leva por título ‘Excelencia e calidade’ e converterase na imaxe que se utilizará no deseño do material de difusión e promoción de toda a oferta académica da Universidade compostelá para o vindeiro curso, tanto en soporte papel coma en liña. A súa compañeira, Judit Rozas Cabanas é a autora do deseño titulado ‘Móvete con nós’, seleccionado como accésit polo xurado. O primeiro premio está dotado con 1.000 euros e o accésit, con 600. Na súa decisión, o xurado valorou a calidade, o valor artístico e a versatilidade de adaptación de ambas as dúas propostas aos diferentes soportes e formatos que se empregarán na campaña do vindeiro curso académico. O acto de entrega do premio terá lugar o día 28 de abril ás 12.00 horas na Sala Reitoral do Colexio de San Xerome coa presenza do reitor, Juan J. Casares Long. Concursantes das tres universidades, Bacharelato e FP Alumnos pertencentes ás tres universidades galegas, de Bacharelato na modalidade de Artes Plásticas e de ciclos de FP relacionados co deseño foron os autores das preto de cincuenta obras inéditas presentadas ao ‘Concurso de ideas para o deseño da imaxe da campaña 2011-2012 da USC’. A maioría dos participantes de ensinanzas universitarias son alumnos de grao ou máster na USC en centros dos campus de Lugo ou Santiago. Entre os autores dos traballos, que debían ser obras inéditas, hai incluso dúas estudantes pertencentes a programas de mobilidade que están realizando estudos de grao en Medicina e un máster en Odontoloxía. O resto son alumnos de titulacións como Administración e Dirección de Empresas, Educación Primaria, Óptica e Optometría, Filosofía, Historia da Arte, Filosofía ou dun máster en Edición. Outros dous candidatos están matriculados en Arquitectura na Universidade da Coruña (UdC) e nun máster na área de Ciencias Sociais e Xurídicas na Universidade de Vigo (UVigo). Polo que respecta ao ensino medio, dúas propostas chegaron de alumnos da Escola de Arte Superior de Deseño (EASD) Antonio Failde de Ourense e da Mestre Mateo de Santiago. Tamén se animaron a participar alumnos de Bacharelato na modalidade Artes Plásticas, Deseño e Imaxe do IES de Sar, en Santiago, que presentaron en total 21 obras, dúas das cales resultaron as gañadoras deste certame organizado pola Oficina de Información Universitaria (OiU) da USC.