A segunda edición dos concertos de Sensoxenoma desenvolverase os días 29 e 30 de setembro

Os dous concertos pertencentes ao proxecto Sensoxenoma23 que pescuda como inflúe a música na expresión dos xenes desenvolveranse este venres 29 e o sábado 30 de setembro, ás 18.30 horas, no Auditorio de Galicia. As actuacións contarán cun programa sorpresa baixo a batuta do director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, Baldur Brönnimann. O primeiro dos concertos está destinado a pacientes con doenzas mentres que o do día seguinte diríxese ao público en xeral.
O proxecto Sensoxenoma acaba de alcanzar as primeiras evidencias que axudarían a entender obxectivamente por vez primeira o efecto beneficioso da música en persoas con deterioro cognitivo. O estudo analizou o universo de moléculas que se expresan a partir de ADN dunha persoa como resposta a un estímulo musical, o que se coñece como o transcriptoma. Se ben o ADN se mantén máis ou menos estable ao longo de toda a vida, o transcriptoma é dinámico e reflexa a resposta dunha persoa aos cambios que se producen na contorna ou derivados da idade (estímulos visuais, auditivos, derivados da nutrición, ou por causa de enfermidades, entre outros).
Un dos resultados máis destacados do estudo é que “as persoas con demencia teñen unha maior sensibilidade á música, si por isto se entende a cantidade de xenes que modifican a súa expresión co estímulo musical e ao comparalo con persoas sas”, explica Antonio Salas Ellacuriaga, investigador de Sensoxenoma, unha iniciativa que conta co apoio da USC, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), a Real Filharmonía de Galicia e o Auditorio de Galicia.
Os primeiros resultados obtéñense despois dun ano do lanzamento do proxecto de investigación en setembro de 2022 da man dos grupos interdisciplinarios GenPoB (Grupo de Xenética de Poboacións en Biomedicina) e GenViP (Grupo de Investigación en Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas) da USC e do IDIS, liderados polo catedrático da USC Antonio Salas Ellacuriaga e o doutor Federico Martinón Torres, xefe de servizo de Pediatría no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
Para o desenvolvemento do traballo, o equipo analizou mostras de persoas usuarias da asociación de alzhéimer de AGADEA así como de persoas sas. Os resultados puideron ser contrastados cos xenes que están expresados de maneira alterada en pacientes de deterioro cognitivo, para o que se meta-analizou o transcriptoma de máis de 1.200 doentes con deterioro cognitivo leve e alzhéimer. Segundo explica Salas, “nin no mellor dos nosos soños, imaxinabamos obter resultados tan sorprendentes, tanto polo reto técnico como polo valor e a transcendencia dos achados”.
Desta volta, o concerto do venres 29 de setembro centrarase en agrupacións de pacientes con doenzas pertencentes á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), a ONCE, ASPANAES e ASPERGA, mentres que na actuación do sábado 30, que será aberta ao público xeral, recollerase unha pequena mostra seleccionada como grupo control. Dende a organización incídese en que malia que este ano non se recollerán mostras do público xeral, “necesitarase o apoio do público para crear o ambiente habitual dun gran concerto”.