Ir o contido principal

Elena Vázquez Cendón, nova académica de número da Real Academia de Ciencias de España

Elena Vázquez Cendón. Foto: Santi Alvite
Elena Vázquez Cendón. Foto: Santi Alvite
A catedrática da USC pasa a ocupar a medalla que pertenceu ao profesor Amable Liñán, con quen compartiu dedicación ao programa Estalmat
Santiago de Compostela

A catedrática de Matemática Aplicada Elena Vázquez Cendón acaba de ser elixida académica de número na Sección de Matemáticas da Real Academia de Ciencias de España. Pasará a ocupar a medalla número 29, que pertenceu ao profesor Amable Liñán, con quen compartiu dedicación ao programa Estalmat. Non en van, Liñán dirixiu esa iniciativa de estímulo de talento matemático desde a Academia durante varios anos e Vázquez Cendón presídea actualmente en Galicia.

Para a profesora da USC, ex decana da Facultade de Matemáticas da USC, este é “un recoñecemento ao traballo realizado, que sempre ten unha dimensión colectiva en ciencias”. “Esta dimensión -explica- nace no grupo de investigación Enxeñaría Matemática da USC, en conexión con valiosas persoas das que sempre aprendín e que conforman a familia de coautoras e coautores coa que temos achegado solucións analíticas e numéricas a problemas non lineais en mecánica de fluídos.”

A nova académica ten tamén palabras de agradecemento para os tres académicos que propuxeron a súa candidatura, Ildefonso Díaz, Jesús M. Sanz Serna e Luis Vega, a quen profesa “unha profunda admiración e o que engade ao nomeamento unha maior responsabilidade”, engadiu.

Elena Vázquez Cendón pasa a ser a cuarta docente da USC en ingresar na Real Academia de Ciencias de España, logo de Alfredo Bermúdez de Castro como correspondente en 2008, Wenceslao González Manteiga como correspondente en 2023 e José Luis Mascareñas Cid como numerario elixido en marzo deste ano.

Extensa traxectoria investigadora e académica

Licenciada e doutora en Ciencias Matemáticas pola USC, iniciou o seu labor docente na USC en 1987 en diferentes escolas universitarias de Lugo e Santiago e na actualidade é profesora no grao de Enxeñaría Informática na ETSE e no mestrado en Matemática Industrial na Facultade de Matemáticas.

Forma parte do grupo de investigación en Enxeñaría Matemática, con diferentes ámbitos de aplicación das súas investigacións: problemas relativos ás ecuacións das augas someras, ecuacións de Navier- Stokes, ecuacións de Euler con gravidade e ecuacións que modelan o fluxo de sangue en arterias e veas. Nos dous últimos anos realizou achegas  nos modelos de propagación de virus analizando as solucións de sistemas de ecuacións diferenciais ordinarias e resolvéndoos numericamente.

Liderou tres proxectos de investigación, participou noutros doce proxectos e cinco contratos e dirixiu dúas teses de doutoramento. Formou parte dos comités científicos e/ou organizadores de vinte actividades de investigación, sendo a coordinadora do Congreso internacional Numerical Methods for Hyperbolic Equations: Theory and Applications.

É ademais coautora de máis de trinta publicacións en revistas do JCR, editora de tres monografías e autora de dous libros. Todas as publicacións coa súa autoría superan as 6000 citas, cun índice h de 27, no seu perfil público no Google Académico.

Investigadora vinculada no Centro de Investigación en Tecnoloxía Matemática de Galicia, preside a Comisión de Mulleres e Matemáticas do Comité Español de Matemáticas (CEMAT) e, entre outras, forma parte da Sociedade Española de Matemática Aplicada e da Asociación Galega de Investigadores da auga (AGAIA).

En 2022 foille outorgado o Premio M. Josefa Wonenburger pola Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia como recoñecemento á súa traxectoria profesional.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2025.