Ir o contido principal

Emotiva recepción ao estudantado que participa dos programas de cooperación internacional da USC

Foto de grupo do reitor e autoridades con parte do estudantado beneficiario dos programas de cooperación internacional. Foto: Santi Alvite
Foto de grupo do reitor e autoridades con parte do estudantado beneficiario dos programas de cooperación internacional. Foto: Santi Alvite
Entre eles, o propio da USC de axuda a persoas procedentes de zonas en conflito que mantén en Santiago estudantes de Ucraína ou Palestina

“Quero expresar o meu máis profundo agradecemento a todos aqueles que fan posible que as persoas que nos atopamos nunha situación tan difícil teñamos a oportunidade de continuar perseguindo os nosos sonos. No meu caso, ter podido seguir cos meus estudos en Medicina que comezara en Ucraína e, logo de case tres anos e estando xa en sexto de Medicina, poder cumprir o maior dos meus desexos como é exercer como doutora, algo que farei aquí, en Galicia”. Así expresaba este martes Khrystyna Romaniuk a súa experiencia como beneficiaria das axudas que a USC concede a persoas precedentes de zonas de conflito.

Facíao na recepción que o reitor Antonio  López lle ofreceu en San Xerome ás persoas que gozan dalgunha das axudas dos programas de cooperación internacional que ten en marcha a institución universitaria. Grazas a un deles, Khrystyna Romaniuk dispón dende hai tres anos de aloxamento na Residencia Universitaria Burgo das Nacións e dunha asignación mensual para manutención “que me permitiu poder volver levar unha vida normal como estudante, como a que tiña en Ucraína”, explicou. “Tamén foi esencial para min, tanto no académico como no persoal, poder realizar os cursos de español que tamén contempla esta convocatoria”, dixo.

As palabras de Khrystyna foron, para o reitor, “o mellor exemplo da necesidade destes programas”. Na recepción, un emocionado Antonio López deulles a benvida “agradecendo que quixerades estar aquí con nós” e felicitounos “pola forza que tivestes para tomar esta decisión”. “A vosa forza e vontade meréceo todo e temos que apoiarvos con todos os recursos que teñamos”, dixo, á vez que desexou que esta oportunidade “vos sirva para forxar ese espírito de superación que levades dentro”.

No acto interveu tamén a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, quen remarcou o compromiso da Universidade no ámbito da cooperación internacional do que dan conta programas e encontros como o de hoxe, co que “difundimos e visibilizamos entre a comunidade universitaria e a sociedade as nosas políticas neste eido”.

Pola súa banda, a coordinadora do mestrado en Investigación e Desenvolvemento de Medicamentos, Mariana Landín Pérez, quen falou en representación do profesorado que titoriza este estudantado, anuimounos a vivir esta experiencia. “Estou certa de que vai pagar a pena, non só para a vosa formación como profesionais senón tamén como persoas”. “A rede que comezades a construír aquí pode ser o recurso máis valioso na vosa carreira profesional, e para tecela contades co apoio de todo o profesorado así como do persoal de administración e servizos e académico”, dixo.

Catro programas de cooperación na USC
Tal e como explicou a vicerreitora, a cooperación internacional articúlase a través de catro programas: o de Axudas para Persoas procedentes de zonas en conflito que promove a USC -que conta co apoio do Consello Social da USC, “que reforzou sustancialmente a dotación”, tal e como advertiu o reitor- o de Mulleres por África, o da Fundación Carolina e o do Ministerio de Asuntos Internacionais e Cooperación e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento  (MAEC-AECID).

Dende o curso 2016/2017 a USC promove o Programa de Axudas para Persoas procedentes de zonas en conflito, de 12 meses de duración para estudantes de grao, mestrado e doutoramento con estatuto de refuxiado en España, de protección temporal ou persoas residentes en países en conflito. No curso 2022/2023, por mor da guerra de Ucraína, as bolsas outorgadas ampliáronse de 2 a 12 co financiamento do Consello Social. As bolsas concedidas proporciónanlles aos beneficiarios cobertura total dos gastos de matrícula, unha asignación mensual para gastos de mantenza, aloxamento gratuíto no Sistema Universitario de Residencias da USC e o financiamento de dous cursos semestrais de español ou galego no Centro de Linguas Modernas. Actualmente doce alumnos e alumnas procedentes de Ucraína, Palestina, Líbano, Venezuela, Cuba e Rusia se benefician destas bolsas.

Ademais, a Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización promove a través do programa Mujeres por África a acollida de bolseiras procedentes de países africanos para a realización de estudos de mestrado na USC. As estudantes son seleccionadas no marco do convenio asinado en 2017 coa Fundación Mujeres por África, entidade que a través do seu programa Learn Africa ofrece cada ano bolsas destinadas á capacitación de estudantes africanas mediante o establecemento de acordos de cooperación coas universidades españolas que desexen colaborar. Este curso, tres alumnas de mestrado procedentes de Nixeria e Marrocos están a gozar destas bolsas, que constan de cobertura total dos gastos de matrícula, asignación mensual para gastos de mantenza, aloxamento gratuíto no Sistema Universitario de Residencias da USC e o financiamento dun curso semestral de español no Centro de Linguas Modernas.

Pola súa banda, a USC e a Fundación Carolina asinaron un convenio en 2007 para estudos de mestrado e doutoramento de graduados procedentes dun país membro da Comunidade Iberoamericana de Nacións e Portugal. A Fundación Carolina asume unha asignación mensual, os billetes de avión de ida e volta e o seguro médico, mentres que a USC ofrece aloxamento gratuíto no Sistema Universitario de Residencias da USC. Actualmente dous estudantes, de Ecuador e México, están a estudar na USC ao abeiro deste programa.

Por último, as axudas concedidas polo Ministerio de Asuntos Internacionais e Cooperación e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (MAEC-AECID) proporciónanlles aos beneficiarios unha axuda para o pagamento da matrícula de mestrado, unha asignación mensual para gastos de mantenza durante 11 meses e o seguro médico. Este ano son sete os estudantes, procedentes de Cabo Verde, Bolivia, El Salvador e Perú.
 

O reitor diríxese ao estudantado en presenza de, de esquerda a dereita, Marta Villamayor, María José López Couso, Mariana Landín e Belén Méndez; con Khrystyna Romaniuk (á dereita da foto). Foto: Santi Alvite
O reitor diríxese ao estudantado en presenza de, de esquerda a dereita, Marta Villamayor, María José López Couso, Mariana Landín e Belén Méndez; con Khrystyna Romaniuk (á dereita da foto). Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2024.