A empresa Tecnocom premia con 1.500 euros o mellor Traballo Fin de Grao en Enxeñaría Informática da USC
A proposta presentada por Tomás Teijeiro Campo acaba de gañar o I Premio Tecnocom ao Mellor Traballo Fin de Grao en Enxeñaría Informática da USC. Co título ‘Servando: unha plataforma distribuída para a prestación domiciliaria de servizos médicos’, o traballo desenvolve unha infraestrutura distribuída que pretende solucionar a maioría de problemas comúns a todos os sistemas de telemedicina, tales como a comunicación entre o doente e o centro hospitalario, a interacción dos doentes co sistema, o rexistro de eventos ou a planificación temporal das actuacións médicas. O galardón está dotado con 1.500 euros. A principal vantaxe proposta por Tomás Teijeiro é a capacidade para adaptarse facilmente á supervisión de distintas enfermidades. Na actualidade, está sendo utilizado en proxectos coordinados co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para o seguimento de doentes con Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC) e enfermidades cardiovasculares. O traballo desenvolveuse dentro do proxecto de I+D+i ‘AI-SENIOR: Razoamento temporal e minería de datos en sistemas de monitorización ubicua para o coidado das enfermidades de EPOC e EC’, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, no que participan tres universidades. O responsable do proxecto na USC é o investigador do Grupo de Sistemas Intelixentes e director comisario do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CITIUS), Paulo Félix Lamas. O traballo de Tomás Teijeiro foi seleccionado de entre os 36 presentados no curso pasado e directamente relacionado con algunha das liñas de negocio de Tecnocom. O xurado encargado da avaliación valorou, de entre as propostas presentadas a concurso, a orixinalidade do tema, os resultados obtidos e a aplicabilidade práctica na súa área específica. Integraban o xurado dous representantes de Tecnocom e outros dous profesores da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), centro onde se imparte a titulación de Enxeñaría Informática. Colaboración con Tecnocom Este premio se enmarca coma unha das liñas de colaboración que establece o amplo convenio asinado en 2008 entre a USC e Tecnocom, co obxectivo de promover e impulsar as Tecnoloxías da Información (TIN) nos ámbitos docente e de investigación universitaria. A colaboración abrangue a participación conxunta da USC e de Tecnocom en xornadas académicas e eventos organizados pola ETSE; asesoramento en contidos formativos, tecnoloxías, habilidades e competencias de interese para os futuros profesionais das TIN; ofertas de prácticas en empresa e realización de Traballos Fin de Grao en instalacións de Tecnocom; e cooperación en actividades de I+D+i.