Ir o contido principal

O segundo encontro arredor da mostra 'Vermellas' versará sobre a figura de Juana Capdevielle

Juana Capdevielle
Juana Capdevielle

A profesora do departamento de Filoloxía Galega e Portuguesa do Campus de Lugo Carmen Blanco intervirá no segundo Encontro arredor da Mostra ‘Vermellas’, que o luns 16 xirará en torno á figura de Juana Capdevielle. A charla, que terá lugar na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria ás 19:00 horas, achegará o traballo de investigación que Carmen Blanco fixo sobre a intelectual republicana.
Capdevielle, nacida en Madrid no seo dunha familia de pai francés, foi asasinada polos sublevados na Guerra Civil. Cursou estudos de Secundaria en Pamplona e, posteriormente, continuou a súa formación en Filosofía e Letras en Madrid. Nesta facultade entrou a formar parte do corpo de arquiveiros e bibliotecarios.
Carmen Blanco achegará durante o encontro datos sobre a vida persoal desta intelectual que casou o 23 de marzo de 1936 co profesor universitario Francisco Pérez Carballo, tamén político de Izquierda Republicana, e que, só un mes despois da cerimonia, foi nomeado gobernador civil de A Coruña. O matrimonio trasladaríase entón a Galicia.
Nada máis triunfar o golpe de Estado, mentres ela se refuxiaba na casa de López Abente, o seu marido foi apresado. Pérez Carballo foi asasinado catro días máis tarde, pero Juana non tivo noticias do acontecido e chamou por teléfono ao Goberno Civil para solicitar información sobre o seu marido. Esta chamada foi a que facilitou aos sublevados o enderezo no que se agochaba. Permaneceu encarcerada ata primeiros do mes de agosto. Recorda Carmen Blanco que, a noite do 18, a Garda Civil meteu a Juana nun coche e levouna a noventa quilómetros da capital herculina. O seu corpo foi atopado ao día seguinte nunha cuneta nas inmediacións da localidade de Rábade.
A exposición ‘Vermellas’ estará aberta de luns a venres ata o 5 de maio, de 13:30 a 16:30 horas e de 19:00 a 21:00 horas. Tamén se poderán concertar visitas guiadas chamando ao teléfono 982.285.900. Ext. 21511.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2009.