Enfermaría e Humanidades apostan pola inclusión social a través dun ‘Obradoiro de vida independente’

A vida independente é o tema central do obradoiro no que mocidade con síndrome de Down xunto a estudantado e profesorado da Escola universitaria de Enfermaría e da Facultade de Humanidades dinamizaron diferentes actividades sobre vida independente, tempo libre e ocio, autonomía, rutinas saudables, normas de convivencia e dereitos humanos. Todos os temas escollidos polo grupo de participantes están vertebrados arredor da vida independente, un concepto que non só fai referencia a unha aspiración compartida por todo o grupo senón que recoñece as persoas con síndrome de Down como persoas adultas con capacidade para tomar as súas propias decisións.
“A través deste obradoiro, que se vén desenvolvendo dende o mes de xaneiro de forma semanal na Escola Universitaria de Enfermaría, o grupo de estudantes reforza a súas habilidades comunicativas, practica a escoita activa e pon en práctica pautas de comunicación inclusivas, un feito que contribúe a mellorar as súas competencias como futuros profesionais da enfermaría e da xestión cultural”, explica Fátima Teixeiro do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria no Campus de Lugo.
“Esta iniciativa de carácter formativo interdisciplinario proporciona oportunidades de aprendizaxe ao longo da vida para todas as persoas, e mostra o campus universitario coma un espazo normalizado onde poder desenvolverse de forma autónoma e poñer en práctica as habilidades necesarias para a vida independente”, sinalan os promotores da iniciativa. Desde a Área de Educación de Down Lugo, Iria Pérez Cao, sinala que “o máis enriquecedor dos talleres é a oportunidade de crear un espazo de diálogo aberto onde se comparten experiencias e se crean vínculos, e, o máis importante, créanse novas formas de entender a vida cotiá desde perspectivas diversas”.
Orixe
A orixe desta colaboración hai que situala no marco do proxecto Campus Oportunidades para a Inclusión, desenvolvida xunto coa Asociación Down Lugo no curso 2022/23. O éxito desa primeira experiencia foi decisiva para que o Servizo de Participación e Inclusión Universitaria, consciente das dificultades de acceso que teñen as persoas con discapacidade intelectual á educación superior, manteña o seu compromiso á hora de crear novas oportunidades baseadas en principios de inclusión e equidade.
O acto de clausura do obradoiro tivo lugar este venres 28 de marzo, no salón de actos do Complexo Docente do Campus de Lugo e contou coas intervencións de todos os participantes no obradoiro así como das profesoras Beatriz Fernández Herrero, da Área de Filosofía Moral, Patricia Cupeiro López, da Área de Historia da Arte e do profesor Isidoro Rodríguez Pérez, enfermeiro e docente de Antropoloxía da Saúde. Pecharon a sesión as intervencións de Delfina Pérez Suárez, xerente da Asociación Down Lugo, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, decano da Facultade de Humanidades, e Pilar Penela Puga, directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo.
Proceso coidado e participativo
O obradoiro botou a andar na derradeira semana de xaneiro cunha presentación das participantes no obradoiro, a metodoloxía de traballo e a proposta de temas sobre os que xirarían as actividades. Despois desta primeira sesión no campus, o grupo acudiría a coñecer a sede da Asociación onde afondaron sobre mitos e prexuízos sobre a síndrome de Down. A estas primeiras sesións seguíronlles outras con formatos moi dinámicos onde se traballou sobre a diferenza entre o tempo libe e o ocio, sobre rutinas saudables ou a xestión dos gastos persoais. “A experiencia resultou ser moi didáctica como resultado do gran traballo que realizaron as estudantes de Enfermaría, mostrando consellos para poñer en práctica cada día”, explicaron os promotores da iniciativa.
Para mediados de marzo, as futuras profesionais da Xestión Cultural deseñaron unha actividade no centro histórico de Lugo. “A visita foi unha auténtica gozada para todo o grupo onde descubriron algún dos segredos que agocha a Muralla romana e a Domus do Mitreo”, explicaron. Os dereitos humanos foron outro dos temas aos que tamén se lles prestou atención no obradoiro para poñelos en relación con temas de actualidade e como “son fundamentais para a convivencia e a dignidade de todas as persoas”. Esta sesión culmina cunha visita á Biblioteca Intercentros na que se poden ver diferentes textos sobre a temática dos dereitos humanos.
