Ir o contido principal

Ensaios experimentais de enerxía undimotriz na canle de ondas e correntes da EPS de Enxeñaría

Rodrigo Carballo (terceiro pola esquerda) con técnicos da empres Wedge Global SL na canle de ondas e correntes da EPS de Enxeñaría da USC
Rodrigo Carballo (terceiro pola esquerda) con técnicos da empres Wedge Global SL na canle de ondas e correntes da EPS de Enxeñaría da USC
Investigadores da Área de Enxeñaría Hidráulica da USC supervisan as probas dun concepto de dispositivo convertedor de enerxía das ondas que realiza a empresa Wedge Global SL no marco do proxecto PORTOS, liderado por Rodrigo Carballo
Lugo

Investigadores da Área de Enxeñaría Hidráulica da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC colaboran e supervisan os ensaios dun novo concepto de dispositivo convertedor de enerxía das ondas que está a realizar a empresa Wedge Global SL, unha firma especializada no aproveitamento da enerxía undimotriz, na canle de simulación de ondas e correntes de que dispón o centro universitario lugués.

Os traballos de testeo que se están a realizar responden un novo concepto tecnolóxico acaído para a súa aplicación en boias capaces de xerar enerxía eléctrica a partir das ondas. Esta nova prestación permite un maior grao de control da resonancia do corpo, grazas a unha manipulación instantánea do peso e á súa distribución. Daquela, os resultados derivados deste avance tradúcense no aporte ou  transmisión dunha maior cantidade de enerxía eléctrica renovable á rede a través do emprego de dispositivos máis pequenos e seguros, segundo explica o enxeñeiro lugués Rodrigo Carballo, investigador do Grupo Integrado de Enxeñaría Civil e Xeomática da USC.

As probas sobre enerxía undimotriz, que está libre de emisións de CO2 e resulta respectuosa co medio ambiente, que están a realizar os técnicos de Wedge Global SL no centro universitario lugués encádranse no marco do proxecto europeo PORTOS (Ports Towards Energy Self-Sufficiency), un programa transnacional que pretende avaliar, desenvolver e promocionar o uso integrado de recursos enerxéticos renovables nos peiraos e, nomeadamente, as enerxías renovables mariñas.

O obxectivo último do proxecto PORTOS é traballar a prol da consecución da autosuficiencia enerxética das instalacións portuarias, a fin de establecer así unha folla de ruta cara a un sector máis competitivo, sustentable e respectuoso co medio natural, sinala Carballo.

Proxecto Portos

O proxecto europeo PORTOS, que conta cunha dotación orzamentaria de 2,6 millóns de euros e implica a un total de 18 entidades e institucións europeas da rexión Atlántica, un consorcio internacional do que forman parte centros de I+D+i, empresas, universidades e autoridades portuarias de Reino Unido, Francia, Irlanda, Portugal e España.

O cometido do Grupo Integrado de Enxeñaría Civil e Xeomática da USC neste programa é especialmente relevante, xa que os investigadores da  EPS de Enxeñaría son responsables, entre outras cuestións, da  avaliación integrada das diferentes formas de enerxía nos portos participantes, así como da realización de ensaios experimentais a escala na canle de ondas e correntes, a fin de desenvolver e optimizar dispositivos de conversión de enerxías mariñas eficientes.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2021.