Ir o contido principal

Entregados os premios do certame ‘Vémolo Nós’ ao uso da lingua galega para facer audiovisuais divulgativos

As persoas premiadas, acompañadas por Valentín García, Gumersindo Feijoo e Manuel Núñez Singala
As persoas premiadas, acompañadas por Valentín García, Gumersindo Feijoo e Manuel Núñez Singala
Os nomes das vacas, a homenaxe á gata Carolina da Biblioteca Concepción Arenal ou a vida dun estadounidense que aprende galego son algúns dos contidos galardoados

O estudantado premiado na segunda edición do certame de vídeos ‘Vémolo Nós’ acaba de recibir os seus galardóns, nun acto celebrado no Pazo de San Xerome, no que interviñeron o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijóo; o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e, no nome das persoas premiadas, Rocío Manteiga Souto, quen fixo unha reflexión sobre o labor deste tipo de iniciativas. Acompañounos o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala.

Con este concurso, dirixido á comunidade universitaria da USC, búscase promover a produción e a difusión de vídeos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica. A interacción co medio rural, a vida na Universidade de Santiago e a lingua galega son os tres grandes temas que se abordan, con moita orixinalidade e humor, nos seis vídeos galardoados na segunda edición do certame Vémolo Nós, convocado pola Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación a través do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Na categoría A, sobre divulgación do coñecemento, o primeiro premio nesta segunda edición foi para un vídeo realizado por Rocío Manteiga Souto, ‘Falando de vacas’, no que amosa como viven estes animais no rural galego e a grande importancia de darlles nomes, como factor que inflúe no seu benestar. O vídeo finalista nesta categoría é de Daniel Abella López e Adrián López Teijeiro, que elaboraron a peza ‘A biotecnoloxía no rural galego’, na cal expoñen unha serie de avances que se aplican na actualidade nese eido.

Obtivo o primeiro premio na categoría B, que ten como lema Descubrindo a USC, ‘Homenaxe a Carolina’, de Iria Losada Rodríguez, dedicado á gata da Biblioteca Concepción Arenal do Campus Sur compostelán. Foi finalista o vídeo ‘Dende o SEPIU’, de Cecilia Álvarez Corujo, David Marante Manteiga, Paula Martínez Collazo e Sara Rodríguez Ourille, unha peza na que presentan os membros do Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) cunha estética inspirada nas películas de axentes secretos de mediados do século XX.

E na categoría C, co lema Protagonista: o galego, recibiu o primeiro premio Iker Fernández Villar polo seu audiovisual ‘Aaron Bennett Kleinschmidt, un estadounidense aprendendo galego’, no que se mostra como este mozo e profesor se achega á cultura galega a través da lingua. Foi finalista o vídeo ‘Falar galego é de balde’ de Irimia Pérez Sánchez e Manuel García Amado, no que recollen unha serie de ditos galegos apropiados para distintos situacións, como os populares “Marcho que teño que marchar” ou “Chegar e encher”.  

Audiovisuais de calidade
O concurso pretende fomentar o uso do galego como lingua de divulgación científica no audiovisual e busca constituír un compendio de materiais audiovisuais útiles para a docencia no ámbito universitario e para que o profesorado teña como referentes produtos audiovisuais de calidade á súa disposición que sirvan de modelo para a creación deste tipo de materiais. Ao tempo, o certame propón como retos coñecer a historia da USC a través de personaxes e fitos que deixaron pegada na súa traxectoria e amosar a utilidade do galego na futura vida laboral das universitarias e dos universitarios.

Tanto o audio coma os textos que inclúen os audiovisuais están en lingua galega e cada unha das tres pezas galardoadas reciben como premio 1.500 euros, mentres que as finalistas obteñen 300 euros.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.10.2024.