Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría achega a I+D aos axentes de desenvolvemento rural ao abeiro do proxecto ‘Eureka’

Cabras pastando nunha superficie agroforestal. Foto: Santi Alvite
Cabras pastando nunha superficie agroforestal. Foto: Santi Alvite
A plataforma electrónica eufarmbook.eu compila resultados das investigacións europeas nos ámbitos agrícola, forestal e da silvicultura, ofrece de balde información axeitada para cada un dos distintos perfís dos axentes implicados e favorece a consulta e o asesoramento por parte de expertos, sinala a catedrática da USC Rosa Mosquera
Lugo

O grupo de investigación Sistemas Silvopastorais da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC promove xunto cos socios implicados no proxecto europeo Eureka a creación dunha plataforma virtual orientada a transferir os resultados dos proxectos de investigación desenvolvidos o ámbito da Unión Europea relacionados coa agricultura, a silvicultura e o desenvolvemento rural.

A posta en marcha desta nova bolsa de datos sustentable ou repositorio virtual de resultados de investigacións é o novo cometido no que se comprometen a traballar durante os próximos sete anos os 21 socios dos 15 países europeos implicados no programa Eureka, un proxecto europeo incluído na estratexia H2020 que pretende mellorar os coñecementos prácticos nos ámbitos agrario, forestal e da silvicultura, ademais de achegar solucións innovadoras para todos os axentes implicados.

Despois de dous anos de traballo e trala análise e o intercambio de datos dos diversos proxectos postos en marcha neste período nas distintas rexións continentais, as sesións de clausura do proxecto Eureka serviron para acadar unha prórroga de sete anos para desenvolver, actualizar e completr esta nova bitácora virtual de coñecemento, que estará accesible en diversos idiomas e adaptada a diferentes perfís de usuarios a través da ligazón electrónica https://eufarmbook.eu/es, segundo indicou a catedrática e coordinadora do grupo Sistemas Silvopastorais da USC, Rosa Mosquera.

Esta nova ferramenta, que pretende ser un documento vivo e de utilidade práctica, permitirá transferir aos usuarios finais os avances, conclusións e resultados dos proxectos de I+D xa desenvolvidos e doutros que se realicen no contexto da Unión Europea. A plataforma eufarmbook.eu presentará unha estrutura dividida en diversos perfís especializados: gandeiros, consultores, silvicultores, política, forestais, agricultores, investigadores..., colectivos aos que se achegará información axeitada e con contidos acaídos a cada segmento.  

Outra das aspiracións dos promotores desta aplicación pasa por incorporar aos seus servizos unha relación de expertos que estean dispoñibles e accesibles para calquera usuario da plataforma, a fin de poder responder así a todas as cuestións, problemas e dúbidas consultadas sobre os ámbitos agrogandeiro, forestal e tamén no eido da silvicultura, comenta Mosquera.

O tamén integrante do grupo de investigación Sistemas Silvopastorais da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC Francisco Javier Rodríguez Rigueiro, apuntou tamén respecto do novo recurso electrónico que vén de poñerse en marcha que esta ferramenta tamén aos destinatarios compartir e dispoñer, de forma sinxela e dinámica dunha ampla relación de boas prácticas nas áreas de traballo xa citadas, ao tempo que favorecerá a interacción entre os distintos actores implicados e o asesoramento de expertos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.04.2022.