A EPS de Enxeñaría achega novas ferramentas para avanzar na loita contra os lumes forestais

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC achega novas ferramentas para avanzar na loita contra os lumes forestais a través das conclusións recollidas na tese de doutoramento que vén de presentar o enxeñeiro de Montes Stéfano Arellano baixo o título ‘Caracterización do combustible do dosel arbóreo mediante sensores remotos e avaliación do efecto das claras sobre o comportamento e a severidade potenciais do lume en piñeirais do NO de España’.
A investigación, dirixida por Ana Daría Ruiz, do grupo de investigación Uxafores da EPSE da USC, e José Antonio Vega, do departamento de Protección Forestal do Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra), deu pé ao desenvolvemento de modelos para estimar a carga de combustible dispoñible para a propagación do lume no dosel arbóreo e a forma en que se distribúe entre o ápice e a base das copas, tanto a partir de datos LiDAR como de variables de rodal medidas no campo.
Outras das achegas que reporta a tese de doutoramento realizada por Arellano Pérez nun novo marco de colaboración entre o grupo Uxafores e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, tradúcese na obtención de modelos de estimación de características do combustible forestal de superficie e do dosel arbóreo que afectan á combustibilidade da formación a partir de imaxes do satélite Sentinel-2A. O emprego dos modelos baseados en sensores remotos permitirá asemade xerar cartografía do potencial risco de incendio das copas baixo diferentes escenarios meteorolóxicos, subliña o investigador.
Stéfano Arellano Pérez, que xa en 2017, cando aínda se atopaba nunha fase incipiente da súa investigación de doutoramento, publicou o libro ‘Foto-Guía de combustibles forestais de Galicia e comportamento do lume asociado”, avalía na súa tese o efecto a medio prazo do tratamento silvícola de clara sobre o combustible da superficie. O potencial comportamento e a severidade dos lumes, así como a capacidade dos rodais queimados para protexer o solo fronte á erosión post-incendio, constitúen outros dos parámetros analizados nesta tese.
Os datos compilados por este enxeñeiro de Montes titulado na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC responden a estudos realizados en piñeirais do noroeste de España e achegan nova información sobre os combustibles forestais, datos que conecta co comportamento agardado do lume nos incendios. A incorporación desta información resulta de gran utilidade non solo para as tarefas de xesión dos lumes forestais, senón tamén para os propios traballos de xestión forestal no plano xeral.
Tribunal da tese e cualificación
O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Stéfano Arellano Pérez, unha investigación que opta a mención internacional, estivo presidido pola doutora María Mercedes Guijarro Guzmán, do Cifor-INIA de Madrid. A tamén doutora Brigite Roxo Botequim, do Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa, e o catedrático da USC Roque Rodríguez Soalleiro, completaron os membros dun tribunal que outorgou a máxima cualificación a esta tese de doutoramento.
