Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría amplía dotacións e equipamentos do grao en Robótica con novos compoñentes de tecnoloxía alemá

Profesorado do grao en Robótica, con parte do material cedido por Beckhoff Automation
Profesorado do grao en Robótica, con parte do material cedido por Beckhoff Automation
A compañía Beckhoff Automation cede ao centro universitario lugués unha plataforma de programación e diversos equipos periféricos que permiten completar o Laboratorio de Automatización e facilitan a realización de prácticas por parte do alumnado
Lugo

A EPS de Enxeñaría reforza as dotacións e os equipamentos do grao en Robótica con tecnoloxía alemá, grazas a que a compañía con sede en Renania Beckhoff formalizou a cesión ao centro universitario do Campus Terra da USC dunha plataforma de programación TwinCAT3, ademais de 10 equipos periféricos EK1100, dotados tanto de I/Os dixitais como analóxicos, que resultan axeitados para a automatización do desenvolvemento de tarefas docentes e de investigación na EPSE.

O lote de equipos e material cedido por esta compañía inclúe preto de 60 compoñentes que comprenden módulos de Control PLC, comunicación EtherCAT, módulos I/Os, dixitais e analóxicas, e fontes de alimentación. Estas novos equipos poden ser programados todos coa  plataforma de programación TwinCat 3, de que dispón na actualidade a EPSE. Asemade, trátase de compoñentes e equipos que tamén se poden instalar en calquer PC para que o alumnado poida realizar prácticas nos seus propios equipos iformáticos, segundo indicaron docentes do grao en Robótica.

O equipamento cedido por Beckhoff Automation, unha empresa líder en tecnoloxía de control baseada en PC con delegación en Galicia, servirá para completar o laboratorio de Automatización de que dispón a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra e permitirá ao alumnado do grao en Robótica poder desenvolver competencias no manexo destas tecnoloxías, que poden resultar de aplicación para a realización de Traballos Fin de Grao ou Traballos Fin de Mestrado, así como de teses de doutoramento.

Equipamento cedido por Beckhoff Automation
Equipamento cedido por Beckhoff Automation
Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2023.